Novos elementos de planificación territorial ante os cambios en sistemas socio-ecolóxicos cada vez máis complexos

O Congreso RegioResources 21 – 2018 celebrouse no Congress Centre of the Slovak Academy of Sciences, no Castelo de Smolenice.

O investigador de Ecoagrasoc Emilio R. Díaz Varela vén de presentar a comunicación ‘New elements in territorial governance identified in social-ecological systems facing uncertainty: The need for integration in new planning instruments and policies’, no Congreso RegioResources 21 – 2018, celebrado entre o 17 e 19 de abril en Smolenice (Eslovaquia).

O traballo parte da necesidade de repensar os instrumentos de planificación e desenvolvemento territorial ante as mudanzas vividas polas paisaxes rurais e urbanas; tomando en consideración non só a medición, monitorización ou predición de variabeis ambientais, senón tamén a percepción e resposta das sociedades e, de maneira máis xeral, a complexidade do sistema socio-ecolóxico en si mesmo.

Así, esta investigación constitúe unha crítica aos métodos actuais de planificación territorial. Para facer fronte aos novos retos,  os autores acoden a dúas nocións cruciais: En primeiro lugar, a estruturación de problemas nas políticas públicas e as súas consecuencias no proceso de gobernanza participativa e, en segundo lugar, a dinámica organizacional en sistemas complexos.

Como resultado, identifícanse novos elementos de planificación territorial que deberían ser integrados nas políticas e instrumentos de planificación. Estes elementos inclúen a integración de procesos de definición de problemas na elaboración de políticas territoriais; evitar nesgos habituais coma a exclusión de determinados actores e interesados, ou a limitación a valores percibidos só por sectores específicos da sociedade; e o recoñecemento do potencial dos procesos de relación, como a comunicación e mesmo a confrontación en estratexias de co-aprendizaxe onde a avaliación e integración de visións múltiples formen parte dos procesos de participación pública.

As respostas sociais e as solucións políticas durante o ciclo de incendios que afectou a Galicia en Outubro de 2017 foron utilizadas como caso de estudo para ilustrar o problema.

Xunto a Emilio R. Díaz Varela, participaron neste estudo os investigadores Beatriz Rodríguez-Morales, tamén de Ecoagrasoc, xunto con José Valentín Roces, da Universidade de Swansea (Gales) e Pedro Álvarez Álvarez, da Universidade de Oviedo.