O documentario ‘En todas as mans’ abre as VIII Xornadas ‘O mundo rural galego a debate’

VIII-Xornadas-O-mundo-rural-galego-a-debate-(1)-1

Dous territorios, Galiza e Portugal, e unha realidade, os montes veciñais ou baldíos. ‘En todas as mans’ é unha ollada aos seus habitantes na procura dun horizonte no que os territorios que están nas súas mans sexan creadores de riquezas económicas, ambientais e sociais para os seus pobos.

O documentario, dirixido por Diana Toucedo, foi o elixido para abrir as VIII Xornadas ‘O mundo rural galego a debate’ o próximo martes 17 de novembro ás 18:00h no Salón de Actos da Facultade de Humanidades de Lugo. O evento está organizado pola rede de innovación docente Ruralia, da que fan parte os membros de ECOAGRASOC Mª do Mar Pérez Fra, Ana Isabel García Arias e Bernardo Valdês Paços. Conta ademais coa colaboración da rede de investigación ReVOLTA, da que fai parte ECOAGRASOC, e do Centro de Linguas Modernas da USC-Lugo.

As xornadas continuarán o martes 24 de novembro ás 16:00h no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior, onde terá lugar o debate ‘A propiedade veciñal: o futuro das nosas mans’. Na mesa sentarán Santiago Fraga, Xefe da Área de Montes Veciñais de Man Común (Consellería de Medio Rural), Noemi García, enxeñeira de montes e socia de TENZAS, e Alberte Román, de Trespés Coop. Galega.