Xornadas ‘Montes, Territorio e Paisaxe’

O coordinador de Ecoagrasoc, Edelmiro López Iglesias, participa este venres 28 de setembro nas xornadas ‘Montes, Territorio e Paisaxe’, organizadas polo Consello da Cultura Galega. A súa intervención, ‘Desestruturación do medio rural e mudanzas nos usos do monte: Que alternativas hai fronte ao problema do abandono’, terá lugar ás 10:45 horas.

· Data: 27 e 28 de setembro
· Lugar: Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela.
· Programa completo e inscrición gratuíta
· Folleto (pdf)

A  organización do territorio constitúe un dos factores da identidade galega, como teñen sinalado diversos estudosos e intelectuais, e de modo particular os membros da Xeración Nós, comezando por Ramón Otero Pedrayo, para quen a paisaxe está formada non só pola aparencia que na superficie adoptan os feitos xeográficos, senón tamén polas estruturas  comunitarias e por valores de tipo espiritual e cultural que as persoas senten como algo propio, un patrimonio que dá sentido ás súas vidas e que lles serve para entender “a xeografía afectiva” das familias que se sucederon en aldeas e parroquias.

E desas estruturas comunitarias formaban parte os montes, unha parte substancial do espazo galego, xestionados ao longo do tempo de modo colectivo e, sen dúbida, eficiente, pois doutro xeito non se conservarían durante séculos. A integración do monte na pequena explotación labrega é un feito ben coñecido e tamén o son os cambios que se produciron nas últimas décadas, coa desaparición dos campesiños, e os novos modos de aproveitamento das terras, así como o despoboamento e abandono de labranzas e montes. A estes procesos, que teñen resultados moi diferentes no territorio, engádense os novos valores patrimoniais que adquire a paisaxe (recollidos parcialmente na nova Lei do Patrimonio Cultural de Galicia), a necesidade da súa protección e a crecente capacidade dos diversos poderes públicos de intervir na ordenación do territorio mediante plans de alcance diverso, construción de infraestruturas e medidas lexislativas que afectan aos usos dos diferentes espazos. Estas xornadas están orientadas precisamente ao estudo e debate do protagonismo que están acadando os montes como soporte dun patrimonio variado e como peza fundamental na ordenación do territorio, e completan en certo modo as realizadas hai agora un ano, nas que os montes se analizaron máis ben desde unha perspectiva histórica.

As xornadas ‘Montes, Territorio e Paisaxe’ están coordinadas por Pegerto Saavedra Fernández, catedrático do grupo Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela, e por Iago Seara Morales, arquitecto e profesor da Universidade da Coruña.