Skip to main content

InnoPharma empregará os recursos do Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia na busca de novos fármacos

De esquerda a dereita: Javier García, Juan Casares, Manuel Varela, Mabel Loza e Ángel Carracedo
De esquerda a dereita: Javier García, Juan Casares, Manuel Varela, Mabel Loza e Ángel Carracedo

O proxecto InnoPharma da Universidade de Santiago de Compostela empregará as ferramentas informáticas do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) na busca de novos fármacos. O reitor Juan Casares Long e o presidente da Fundación CESGA, Juan Varela Rey, deron a coñecer este mércores o convenio marco que rexerá os termos desta colaboración que ampliará a capacidade tecnolóxica deste proxecto interdisciplinar InnoPharma. No acto tamén estiveron os investigadores principais do proxecto, Ángel Carracedo e Mabel Loza, e o director xerente de CESGA, Javier Tobío, que explicaron as vantaxes que achega a InnoPharma dispor de acceso a grandes infraestruturas de cómputo e almacenamento e os retos computacionais desta colaboración.

O proxecto InnoPharma xera nas súas investigacións un gran número de datos que é preciso almacenar, ordenar e xestionar para facilitar ao persoal investigador un acceso rápido e eficiente a toda a información. Mediante este acordo, o CESGA proporcionará a InnoPharma a infraestrutura tecnolóxica necesaria que ampliará a capacidade de xestión e almacenamento de datos e garantirá a confidencialidade da información tratada. O Centro de Supercomputación desenvolve liñas de traballo e investigación sobre a aplicación da simulación numérica que poden ser de utilidade para InnoPharma.

Entre os recursos que poderán empregar os investigadores do InnoPharma atópase o supercomputador Finis Terrae e a plataforma de computación e visualización SVG. Este convenio promove ademais as relacións e o intercambio de información entre a USC e outros centros de investigación a través da Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia, que conecta universidades e centros de investigación públicos en Galicia. O convenio asinado hoxe contempla ademais a posibilidade de establecer novas colaboracións en materia de investigación, formación e asesoramento.

InnoPharma
InnoPharma é unha iniciativa da USC financiada polo Fondo Tecnolóxico Europeo que potencia e integra as capacidades das plataformas de Xenotipado (Grupo de Medicina Xenómica) e de Cribado de Fármacos (grupo BioFarma) da USC dirixidas polos profesores Ángel Carracedo e Mabel Loza, respectivamente. Dende a súa creación en 2012, o proxecto recibiu numerosos recoñecementos como o da revista Correo Farmacéutico que o considerou como a mellor iniciativa do ano 2013 no apartado de investigación, farmacoloxía e produtos, pola súa achega para mellorar o campo da farmacia, a atención farmacéutica e a saúde. A plataforma, con sede no Centro singular de Investigación de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CIMUS),pretende constituírse nun referente internacional no sector que permita crear tecido produtivo fomentando a transferencia de coñecemento e impulsando a creación de novas empresas baseadas neste co propósito de xuntar as capacidades público-privadas do sector biofarmacéutico nun marco de innovación aberta. Trátase de desenvolver actividades de investigación aplicada para xerar candidatos a fármacos innovadores nunha contorna de colaboración internacional.

The contents of this page were updated on 04.02.2014.