Skip to main content

A USC suma o golf ao abano de disciplinas da súa oferta deportiva a través dun convenio co Club de Golf Lugo

A USC incorpora o golf ás disciplinas incluídas na súa oferta deportiva a través dun convenio de colaboración co Club de Golf Lugo, un acordo que veñen de asinar o reitor Juan Casares e o presidente do devandito club lugués, Ignacio Somoza Vila, coa pretensión de achegar a práctica deste deporte a todos os membros da comunidade universitaria.

A sinatura deste convenio marco de colaboración entre USC e Club de Golf Lugo pon de manifesto obxectivos comúns que comparten as dúas entidades, tales como é o interese por sumar esforzos para establecer camiños de actuación que favorezan e incrementen o beneficio mutuo e o da sociedade luguesa, a través do desenvolvemento de actuacións complementarias nos eidos deportivo, educativo, social, turístico, da saúde e que contribúan ao desenvolvemento económico de Lugo. En virtude deste acordo, vixente ata finais de ano, pero prorrogable no tempo, estudantes, profesores e persoal da USC, ademais das súas parellas e fillos/as, poderán beneficiarse de mellores condicións económicas ás que rexen actualmente á hora de formalizar o seu aboamento no Club de Golf Lugo, con importantes descontos nas primeiras cotas, así como no que atinxe a taxas de entrada e clases de iniciación gratuítas. Actualmente, o Club de Golf Lugo ofrece para esta tempada cotas mensuais moi atractivas polo seu prezo, unhas taxas que se reducen sensiblemente mente para el colectivo universitario a través deste acordo, no que o Club de Golf Lugo recoñece o gran intereses que de sempre vén presentado a USC ao deporte na súa programación anual desenvolvida nos campus de Lugo e de Compostela. Asemade, en aras a potenciar o deporte na vida universitaria, o devandito club lugués brinda á USC a posibilidade de facer uso das súas instalacións tanto para o desenvolvemento de actividades deportivas como para outro tipo de programacións de carácter universitario. Alén das singularidades recollidas no acordo de colaboración coa USC, o Club de Golf Lugo busca tamén con este tipo de convenios achegarse aos distintos colectivos sociais da cidade e ofrecerlles a posibilidade de probar este deporte, que está ao alcance de todos, tanto polas súas tarifas coma polas súas características, e que está considerado unha actividade saudable para todos os grupos de idade.

The contents of this page were updated on 04.10.2014.