Skip to main content

O Foro Galego de Educación para a Igualdade abordará o estímulo do emprendemento dende a escola

Celébrase na Facultade de Ciencias Políticas e da Administración o venres 25 e o sábado 26

Co lema ‘Vías de igualdade para estimular o talento dende a escola: ensinar a emprender, aprender a emprender’ o XV Foro Galego de Educación para a Igualdade celebrarase o vindeiro venres 25 e o sábado 26 na Facultade de Ciencias Políticas e da Administración da USC coa intención de propiciar a construción dun novo modelo formativo que incorpore o emprendemento en feminino como motivo de debate. Esta acción formativa busca transferir ás aulas e ao alumnado ferramentas coas que poder traballar na capacitación de persoas emprendedoras e innovadoras ao tempo que potenciar a través da cultura emprendedora determinados valores como o esforzo, a responsabilidade ou a implicación. A USC participa na organización deste foro a través do programa Woman Emprende e trata de subliñar o papel do emprendemento como “alternativa poderosa á organización tradicional do mercado de traballo, sendo as mulleres as figuras que teñen na súa man a posibilidade de romper cos patróns habituais no mundo empresarial”. O foro porá a disposición do profesorado de ensino non universitario a experiencia e konw-how acumulados en temas relacionados coa cultura emprendedora. Nos contidos a presentar aplicarase a perspectiva de xénero na promoción de actitudes e habilidades que configuren o talento, como as formas do liderado ou a iniciativa e autonomía persoal. Tamén se tratará a integración da variable de xénero nas iniciativas para o fomento da creatividade persoal e da cultura emprendedora. Deste xeito, tanto o venres 25 como o sábado 26 están previstos unha serie de mesas redondas e obradoiros que permitan ofrecer unha visión próxima e fiel á realidade da experiencia emprendedora.

The contents of this page were updated on 04.22.2014.