Skip to main content

A EPS despide unha nova promoción de enxeñeiros agrícolas coa entrega de diplomas, insignias e premios aos mellores proxectos

Mouriño, Rey, García Herradón, Bueno, Muíños e Fernández, no salón de actos da EPS
Mouriño, Rey, García Herradón, Bueno, Muíños e Fernández, no salón de actos da EPS
Mónica Blanco González e Alberto Carou Abelleira acadan os galardóns outorgados polos colexios profesionais e que contan con cadansúa dotación económica de 750 euros

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo despide este martes unha nova promoción de enxeñeiros agrícolas no marco dunha cerimonia académica de entrega de diplomas, insignias e premios aos mellores proxectos fin de carreira na que coincidiron os primeiros graduados/as en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural e en Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias con titulados nas distintas especialidades das enxeñarías técnicas agrícolas xa en fase de extinción.

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, presidiu este emotivo acto académico, no marco do que José Mouriño Cuba, ex xefe do Servizo de Control de Calidade Agroalimentaria e Industrias (COCAI) da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, ofreceu un relatorio baixo o título ‘As denominacións de calidade como alternativa na produción agraria’. O director da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, Javier Bueno, aproveitou este encontro con estudantes, profesionais e novos enxeñeiros/as agrícolas titulados/as para indicar que a USC ofrecerá xa no curso 2014-2015 un único título de grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria. Este novo programa formativo posibilitará que os/as estudantes inscritos/as poidan completar distintos itinerarios específicos ou mencións, ao tempo que lles amplía o abano de expectativas laborais. Esta nova titulación de grao recolle as distintas achegas feitas polos colexios oficiais de enxeñeiros técnicos agrícolas de Lugo, A Coruña, Pontevedra e Ourense, lembrou Bueno Lema, que tamén animou aos enxeñeiros técnicos agrícolas xa en exercicio acceder ao título de grao a través dos cursos de adaptación que, “logo da gran demanda rexistrada” nas dúas últimas edicións, seguirán a estar na oferta de estudos da Escola Politécnica. A presentación dos cometidos e dos servizos ofrecidos polos colexios profesionais aos enxeñeiros/as agrícolas e o seu compromiso de apoio coa Escola Politécnica Superior da USC centraron as mensaxes dos presidentes dos órganos colexiados de Lugo, Armando Rey, e da Coruña, Ourense e Pontevedra, Rafael José Muíños Moreno, que, de seguido entregarían os premios e as distincións aos traballos de fin de carreira mellor valorados polo xurado. Traballos premiados A enxeñeira técnica agrícola na especialidade en Industrias Agrarias e Agroalimentarias Mónica Blanco González acadou o primeiro premio, dotado con 750 euros en metálico, insignia de ouro e diploma, polo proxecto ‘Instalación no polígono industrial de Monterroso dunha queixería para producir 1.000 quilos diarios de queixo Arzúa Ulloa curado’. Celso Pérez Lence e Juan A. Vieito Pérez acadaron tamén cadansúa mención especial nas especialidades de Industria Agrarias e Agroalimentarias e Mecanización e Construcións Rurais, na que tamén foron distinguidos con diploma Andro Maneiro Santos, María Mariño Pardo e María Merino Doval. O premio ao mellor proxecto de fin de carreira nas especialidades de Hortofloricultura e Xardinería e Explotacións Agropecuarias, un galardón dotado con 750 euros en metálico, insignia de ouro e diploma, recaeu no graduado en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural Alberto Carou Abelleira por un proxecto para unha explotación cunícola para 200 reprodutoras no concello de Trazo (A Coruña). Lorena Peña Freire e Juan Luis Ocampo Díaz recibiron cadansúa mención especial nesta categoría dos premios, na que tamén acadaron diploma Antonio Castro Valiña, Pelayo Méndez Martínez e Daniel Alberto Otero Preguigueiro. No peche desta sesión académica, o vicerreitor Pedro García Herradón salientou os enxeñeiros agrícolas como uns dos embaixadores máis singulares do campus de Lugo, ao tempo que reiterou a marcada ligazón que de sempre mantivo esta sede universitaria coa terra e os sectores primarios. A estratexia do Campus Terra, que marcará o futuro do campus permitirá afondar e dar novos pasos nesta mesma dirección, dixo García Herradón, que tamén animou aos novos enxeñeiros/as agrícolas a manter unha actitude proactiva no proceso de busca de emprego nun contexto que, “aínda que díficil, segue a ofrecer múltiples oportunidades”, dixo. Docentes e enxeñerios agrícolas da última promoción de titulados egresados da EPS

The contents of this page were updated on 05.29.2014.