Skip to main content

A USC e a Universidade de Hanoi intercambiarán alumnado e persoal docente e investigador

Os convenios asinados permitirán o intercambio de alumnado e PDI entre as universidades (Foto: Santi Alvite)
Os convenios asinados permitirán o intercambio de alumnado e PDI entre as universidades (Foto: Santi Alvite)
Os reitores das dúas institucións académicas asinaron varios convenios para establecer os termos da colaboración

O reitor Juan Casares recibiu este venres 30 unha comisión da Hanoi University que se achegou ata Santiago para formalizar o acordo entre as dúas institucións académicas que permitirá o intercambio de alumnado e PDI, e a realización doutras iniciativas de formación conxuntas. No acto protocolario de sinatura estiveron presentes representantes da universidade asiática, o vicerreitor de Titulacións e Persoal Docente e Investigador, Jesús López Romalde, e o reitor electo Juan Viaño. O acordo entre as dúas universidades recolle a posibilidade de desenvolver programas específicos para o intercambio de profesores, investigadores e estudantes; para a formación de docentes e investigadores; o intercambio de información; a realización de cursos de grado e posgrado; a organización de seminarios, conferencias, coloquios, encontros, xornadas; e para levar a cabo conxuntamente publicacións ou proxectos científicos. O primeiro destes programas de intercambio quedou recollido nun convenio específico que permitirá que un máximo de catro alumnos/alumnas por ano académico realicen estadías por un tempo dun ano completo ou ben por un semestre. En canto ao intercambio de persoal docente e investigador, o acordo específico sinala que serán un máximo de catro os PDI que poderán participar no programa cada ano, sendo propostos polo seu departamento. Na universidade de destino cumprirán obrigas e terán responsabilidades similares ás que posúen na súa universidade e permanecerán por períodos de tempo comprendidos entre unha semana e seis meses como máximo. Todos os convenios asinados teñen unha vixencia de dous anos, prorrogables automaticamente polo mesmo período de tempo. HANU A Hanoi University (HANU) é unha universidade pública fundada en 1959 cun especial interese na internacionalización e diversificación para o que asina este convenio que ten como fin principal promover e fomentar a cultura científica mediante unha colaboración nos campos da ensinanza e a investigación. De esquerda a dereita: Juan Viaño, Juan Casares e Nguyen Dinh Luan (Foto: Santi Alvite)

The contents of this page were updated on 05.30.2014.