Skip to main content

Estudantes internacionais do campus de Lugo completan a pé o tramo do Camiño desde Triacastela e Samos e visitan Portomarín

Varela Zapata con estudantes internacionais do campus de Lugo, nun enclave do Camiño de Santiago
Varela Zapata con estudantes internacionais do campus de Lugo, nun enclave do Camiño de Santiago

Un grupo de máis de 30 estudantes universitarios internacionais que están a completar unha estadía formativa no campus de Lugo, na súa maioría a través do programa Erasmus, gozaron da súa primeira experiencia xacobea tras completar a pé o treito do Camiño de Santiago que vai desde Triacastela ata Samos.

Esta actividade, promovida desde a Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo a través do seu plan de internacionalización da sede universitaria luguesa, permitiu ao alumnado foráneo coñecer diversas localizacións da provincia de Lugo e a forma de vida das súa xentes a través dunha práctica saudable como o foi esta camiñada.

O adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, e o coordinador do Centro de Linguas Modernas da USC no campus de Lugo, Manuel Fernández Méndez, acompañaron á delegación estudantil durante esta andaina polo Camiño Francés, ao tempo que serviron de guías da delegación estranxeira.

Unha vez rematada a camiñada, a delegación universitaria detívose en Samos para repoñer forzas. Despois de xantar, os participantes nesta actividade, orientada a favorecer a inmersión dos estudantes estranxeiros nas formas de vida e nas manifestacións culturais da provincia de Lugo, desprazáronse en autobús ata a localidade de Portomarín, onde tamén tiveron a ocasión de coñecer e gozar da beleza deste enclave xacobeo da provincia de Lugo.

Esta andaina xacobea serviu de colofón das accións específicas impulsadas desde a Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo no marco do seu plan de internacionalización, un programa que, ademais das recepcións institucionais tanto na Vicerreitoría de Coordinación como no Concello e na Deputación de Lugo, tamén incluíu unha diversas visitas e percorridos guiados por áreas rurais da capital luguesa, a través das que o público visitante gozou dos recursos naturais de que dispón o concello de Lugo e coñeceu parte do seu rico patrimonio artístico e cultural.

Alumnado estranxeiro do campus de Lugo da USC, de visita en Portomarín

The contents of this page were updated on 06.05.2019.