Skip to main content

Descobren o mecanismo polo que un fármaco antidiábetico diminúe tamén o peso corporal

De esquerda a dereita, Mónica Imbernon, Rubén Nogueiras e Daniel Beiroa, integrantes do equipo da USC
De esquerda a dereita, Mónica Imbernon, Rubén Nogueiras e Daniel Beiroa, integrantes do equipo da USC
O traballo, coordinado polo grupo de Metabolismo Molecular da USC, revela que un medicamento para a diabete tipo 2 activa a graxa parda

Un equipo de investigadores dirixido polo profesor Rubén Nogueiras descubriu o mecanismo polo que un fármaco antidiabético diminúe tamén o peso corporal ao activar a graxa parda. O traballo, coordinado dende o grupo de investigación de Metabolismo Molecular da USC e adscrito ao Centro de Investigación Biomédica en Red-Fisiopatología de la Obesidad y la Nutrición (CIBERobn), demostra que un dos medicamentos que se usan habitualmente para o tratamento da diabete tipo 2 (liraglutida) actúa no cerebro dos roedores e activa un mecanismo para queimar graxa e incrementar o gasto enerxético, diminuíndo así o peso con independencia da inxestión de alimentos. O estudo sinala tamén que os pacientes obesos con diabete tipo 2 tratados durante un ano cunha terapia combinada que inclúe o mencionado fármaco, presentan un gasto enerxético máis elevado que os pacientes tratados con outras terapias. O estudo demostra que o fármaco, un agonista do péptido similar ao glucagón tipo 1 (GLP 1) autorizado para o tratamento da diabete 2 dende o ano 2009, é capaz de regular un enzima denominado AMPK nunha área específica do hipotálamo, o que provoca un incremento da actividade do tecido adiposo pardo. Este tecido, a diferenza do tecido adiposo branco, non almacena graxa senón que é unha fonte natural de calor para o que precisa queimar máis graxa. Dado que as calorías se almacenan en forma de graxa no adiposo branco, o tecido pardo ao incrementar a súa actividade e queimar esas calorías para producir calor, aumenta o gasto enerxético causando por tanto perda de peso. Aínda que todos os estudos foron realizados en roedores, os resultados son clinicamente relevantes xa que pacientes obesos con diabetes tipo 2 e tratados con este fármaco tamén mostran un incremento do gasto enerxético similar ao observado nos roedores. A prestixiosa revista Diabetes publica os resultados do estudo que contou co financiamento do Programa Starting Grant do European Research Council, a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, o Ministerio de Economía e Competitividade e o Instituto de Saúde Carlos III. Os seus resultados forman parte dunha colaboración entre a USC, a Clínica Universitaria de Pamplona e a Universidad de Barcelona, equipos asociados ao CIBERobn, así como a un grupo do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas. Graxa parda A diferenza da graxa branca, cuxa acumulación resulta prexudicial para a saúde, a graxa parda ten o efecto contrario e recibe o seu nome da alta concentración de mitocondrias (de cor marrón escuro e encargadas de subministrar a enerxía necesaria para a actividade celular). A súa función principal é a termoxénese ou capacidade para xerar calor no organismo debido ás reaccións metabólicas, o que permite queimar calorías para manter a temperatura corporal. Dende que se constatou que se atopaba metabolicamente activa no organismo humano, a graxa parda foi obxecto de numerosas investigacións científicas para combater a obesidade e enfermidades asociadas con ela. Agora, o foco sitúase na posibilidade de estimular farmacoloxicamente ou mediante nutrientes a actividade da tamén chamada graxa boa ou adelgazante.

The contents of this page were updated on 06.11.2014.