Skip to main content

As mulleres dedican de media unha hora diaria máis que os homes ás tarefas do fogar

O libro recolle os resultados de enquisas sobre corresponsabilidade familiar realizadas entre PDI da USC (Foto: Santi Alvite)
O libro recolle os resultados de enquisas sobre corresponsabilidade familiar realizadas entre PDI da USC (Foto: Santi Alvite)
O libro Corresponsabilidade familiar e empregos do tempo no ámbito universitario mide o nivel de conciliación entre o profesorado da USC

As mulleres réstanlle tempo ao ocio, ao estudo ou ao traballo para atender as tarefas domésticas ás que dedican de media unha hora máis que os homes. Os autores do libro Corresponsabilidade familiar e empregos do tempo no ámbito universitario. O persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela achega estes e outros datos sobre o nivel de conciliación e corresponsabilidade entre o profesorado da USC. A publicación foi presentada este martes 3 polo reitor Juan Casares nun acto que contou ademais coas intervencións da vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; a directora da publicación, a profesora María Xosé Rodríguez Galdo; e o director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Juan Blanco Valdés. As principais conclusións da publicación alertan das diferenzas entre homes e mulleres no tempo dedicado ás tarefas domésticas. Pero tamén, como destacou a profesora María Xosé Rodríguez durante a presentación, o traballo pon en evidencia distinta conceptualización do tempo. Todos os presentes destacaron os beneficios da conciliación e o reitor recordou que é tarefa da universidade a súa divulgación para fomentar entre os cidadáns unha actitude crítica neste eido. As mulleres dedican de media, unha hora máis que os homes ao traballo doméstico, tempo que, segundo o libro, as mulleres detraen do traballo, do estudo e do seu ocio. Isto sucede tanto nos días laborais, cando as mulleres dedican dúas horas e 31 minutos ás tarefas domésticas, como nas fins de semana, cando este tempo aumenta a catro horas e 15 minutos os sábados e 3 horas e 38 minutos os domingos. Onde se aprecia con máis claridade a desigualdade do reparto do traballo é nas actividades de limpeza e alimentación e nas de coidados, tarefas ás que as mulleres dedican máis tempo que os homes. As mulleres asumen máis protagonismo que os homes en tarefas como limpar e ordenar, fregar e recoller a cociña e cociñar, pero durante a semana son maioría os homes que se encargan da compra. No coidado de fillos e enfermos tamén se aprecian diferenzas entre o tempo que dedican os homes e as mulleres, sendo no caso dos fillos de ata unha hora máis para as nais (tres horas e 30 minutos durante a semana e sete horas e 15 minutos os sábados) e no caso de enfermos e dependentes de máis de dúas horas en favor das mulleres (durante a semana unha muller emprega nesta tarefa ata tres horas). Ampla enquisa Os responsables do traballo realizaron 649 enquisas ao persoal docente e investigador da USC entre o 4 e o 20 de outubro de 2011 atendendo a criterios de idade e campus. Segundo a xeneralidade do PDI enquisado (87,95% nos homes e 90,81% nas mulleres) a organización do seu tempo depende fundamentalmente dos horarios laborais. Como se recolle na publicación, a análise pormenorizada do uso ou emprego do tempo subministra datos de extraordinaria importancia a hora de investigar o nivel de corresponsabilidade familiar, de maneira especial, nun grupo que podería pensarse lideraría os avances na igualdade real de homes e mulleres. Así o libro estrutúrase en capítulos que van dende unha xustificación do interese por coñecer os empregos que fai do seu tempo o profesorado universitario ata a contribución destes datos á medición das condicións de vida e benestar. A autoría deste volume corresponde a Xosé Cordero Torrón, Fausto Dopico Gutiérrez del Arroyo, Mª Pilar Freire Esparís, Elisa Jato Seijas, Eduardo Pis Sánchez, en canto se encargou da edición a profesora Mª Xosé Rodríguez Galdo.

The contents of this page were updated on 06.03.2014.