Skip to main content

A Escola Politécnica Superior celebra o Día do Topógrafo Europeo coa mostra ‘100 anos de Cartografía de Lugo 1910-2010’

Orozco, Bueno e Carballo, no acto institucional co gallo do Día do Topógrafo Europeo
Orozco, Bueno e Carballo, no acto institucional co gallo do Día do Topógrafo Europeo
A exposición, organizada en colaboración co Concello de Lugo e co Instituto Xeográfico Nacional, permanecerá aberta no centro universitario lugués ata o 31 de maio

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo amosará nas súas instalacións ata o vindeiro 31 de maio a mostra ‘100 anos de Cartografía de Lugo 1910-2010’, unha exposición organizada en colaboración co Concello de Lugo e co Instituto Xeográfico nacional co gallo da celebración do Día Europeo do Topógrafo e na que se poden observar distintos mapas e documentos cartográficos referidos á capital e á provincia de Lugo.

O director do Servizo Rexional do Instituto Xeográfico Nacional, Pablo Carballo Cruz, foi o encargado de inaugurar esta mostra no transcurso dun acto institucional no que tamén participaron o alcalde de Lugo, José López Orozco; e o director da EPS, Javier Bueno Lema, así como un nutrido grupo de estudantes e docentes do grao de Enxeñaría en Xeodesia e Topografía, un título universitario do que tamén se está a conmemorar o décimo aniversario da súa implantación no campus de Lugo. Carballo Cruz abriu o acto do Día Europeo do Topógrafo, cun breve relatorio no que repasou a historia, as competencias e as prestacións que ofrece á cidadanía o Instituto Xeográfico Nacional, un dos principais nichos de emprego para os enxeñeiros topógrafos, segundo precisou, así como dos servizos dependentes deste ente público. Na súa intervención, Pablo Carballo, quen tamén desenvolveu cometidos docentes na Escola Politécnica Superior de Lugo, salientou o emprego dos estudos topográficos como unha das principais diferenzas entre a denominada cartografía histórica e a cartografía oficial e máis moderna, que en Galicia atopa os seus primeiros documentos de referencia na Carta de Ojeda, datada en 1635, e na posterior obra de Domingo Fontán, xa no século XIX. A creación do Instituto Xeográfico Nacional no ano 1860, un organismo ministerial que tivo as competencias da elaboración do catastro ata 1977, os diversos servizos que presta a administracións e particulares e as dotacións das que dispón completaron os contidos do relatorio de Pablo Carballo. O director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno, agradeceu a colaboración recibida do Instituto Xeográfico Nacional para a organización do acto conmemorativo do Día Europeo do Topógrafo, ao tempo que tamén trasladou o agradecemento da EPS ao Concello de Lugo por terlle cedido temporalmente este mostra, así como pola colaboración permanente do Concello con este centro universitario lugués. López Orozco fixo recíproco este agradecemento, ao tempo que reiterou o importante cometido que desenvolve o campus como xerador de coñecemento e riqueza para a cidade de Lugo e para a sociedade en xeral. Estudantes, diante dos paneis da mostra cartográfica aberta na Escola Politécnica Superior de Lugo Estudantes e docentes que asistiron ao acto do Día do Topógrafo Europeo na EPS

The contents of this page were updated on 03.18.2014.