Skip to main content

O X Curso de Primavera da USC abordará a violencia na cultura e na historia do 22 ao 25 de abril na Facultade de Humanidades

Mario Outeiro, Pedro García Herradón e Fernando Suárez, na presentación do X Curso de Primavera da USC
Mario Outeiro, Pedro García Herradón e Fernando Suárez, na presentación do X Curso de Primavera da USC
Antón Losada abrirá este foro de análise e debate, coordinado polos profesores Fernando Suárez e Ana Cabana, co relatorio ‘A violencia como coartada política’

O Curso de Primavera da USC, un foro de análise e debate organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural e orientado a complementar a formación humanística do estudantado universitario do campus lugués, así como do resto da sociedade, afondará na súa décima edición no estudo da violencia na cultura e na historia ao longo de diferentes relatorios e táboas de redondas que se desenvolverán do 22 ao 25 de abril no salón de actos da Facultade de Humanidades.

A violencia, o tema proposto para o X Curso de Primavera da USC, é un aspecto transversal á cultura e á historia da humanidade que permite estudos sincrónicos sobre as súas manifestacións nas diferentes culturas, como análises diacrónicas que posibilitan achegarse ás diferentes caras dunha constante histórica, subliñou o profesor de Historia Moderna da USC Fernando Suárez Golán, que coordina esta décima edición do Curso de Primavera xunto con Ana Cabana Iglesia, profesora de Historia Contemporánea da USC. A análise, o estudo e a reflexión sobre as manifestacións violentas acadan se cabe maior relevancia e interese no actual contexto de crise, salientou Suárez Golán na presentación do X Curso de Primavera da USC, na que se referiu á violencia como “un problema actual que nos angustia e nos asedia e que probablemente seguirá presente no futuro”. Na presentación deste seminario monográfico a carón da violencia tamén participaron o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e o deputado provincial delegado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro. O profesor da USC Antón Losada abrirá o 22 de abril esta décima edición do Curso de Primavera da USC cun relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘A violencia como cortada política’ e no que abordará unha das diferentes liñas temáticas nas que pretende afondar este programa. Os novos movementos sociais de protesta, o renacer de forzas políticas extremistas, violentas por definición, ou o problema da violencia de xénero na sociedade actual son outras das cuestións que serán abordadas no marco do X Cursode Primavera da USC, un foro que citará preto de 30 relatores no campus lugués do 22 ao 25 de abril. Información e matrícula As persoas interesadas en formalizar a súa inscrición no X Curso de Primavera da USC poderán formalizar a súa matrícula ata o vindeiro 11 de abril nas oficinas da Área de Cultura do campus Lugo, sitas na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo. Para obter máis información tamén poden chamar ao número de teléfono 982.82.15.13. O custe da matrícula será de 10 euros. Os estudantes universitarios, de Formación Profesional, persoal de administración e servizos, docentes e investigadores da USC, así como desempregados e pensionistas pagarán unha taxa reducida de 5 euros. Asemade, o estudantado universitario matriculado no X Curso de Primavera da USC poderá solicitar o seu recoñecemento por un crédito académico de libre configuración. Doutra banda, a USC, que expedirá un certificado de asistencia e aproveitamento a todas as persoas inscritas que asistan cando menos ao 80% das sesións programadas, tamén ten solicitada á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a homologación deste curso para o profesorado de ensino primario e secundario.

The contents of this page were updated on 03.20.2014.