Skip to main content

O certame de cultura clásica Odisea 2014 premia na súa fase galega un equipo do IES Marco do Carballón de Vila de Cruces

A entrega dos galardóns celebrouse na xornada de clausura do XIV Festival Xuvenil de Teatro Grecolatino, ao que asistiron uns 4.000 estudantes no auditorio Gustavo Freire

O certame de cultura clásica Odisea 2014, un concurso en liña promovido pola Sección Galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos que nesta última edición versou sobre o teatro, distinguiu co primeiro premio un equipo do IES Marco do Carballón de Vila de Cruces, que logo acadaría a segunda praza a nivel nacional.

O segundo premio deste certame, no que participaron 688 estudantes de ensino secundario agrupados en 265 equipos, foi para un grupo de alumnos/as do IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela, mentres que o IES Salvador de Madariaga, de A Coruña, acadou o terceiro premio na fase autonómica deste certame. A entrega destes galardóns desenvolveuse na xornada de clausura do XIV Festival Xuvenil de Teatro Grecolatino, unha cita organizada pola Sección Galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos que contou co patrocinio do Concello de Lugo e de Nova Galicia Banco no marco da que se levaron a escena traxedias de Sófocles e Eurípides, así como comedias de Aristófanes e Plauto. As representacións deste programa de teatro clásico congregaron a semana pasada no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo uns 4.000 alumnos/as procedentes de 90 centros de ensino de Galicia, así como de Asturias e León. Todos/as os/as participantes tiñan traballado previamente sobre as obras obxecto de representación con distintas unidades didácticas.

The contents of this page were updated on 03.31.2014.