Skip to main content

Unha tese da USC axuda a comprender mellor as interaccións entre ións e sistemas aromáticos complexos

Alba Campo cos directores da súa tese Enrique Manuel Cabaleiro Lago e Jesús Rodríguez Otero
Alba Campo cos directores da súa tese Enrique Manuel Cabaleiro Lago e Jesús Rodríguez Otero

A utilización da química cuántica mediante a aplicación de cálculo computacional converteuse nos últimos 20 anos nunha ferramenta indispensable en múltiples áreas de coñecemento, desde a bioquímica ata os novos materiais ou áreas emerxentes como a nanociencia. A química teórica permite predicir e comprender, a un custe reducido, o comportamento dos sistemas moleculares, dirixindo o camiño cara a novos descubrimentos. Neste campo enmárcase a tese de doutoramento da doutoranda Alba Campo Cacharrón, que se centrou no estudo das interaccións entre especies cargadas e sistemas aromáticos, que xogan un papel primordial no funcionamento de proteínas, canais iónicos e receptores moleculares, entre outras aplicacións. Os resultados da investigación permitiron unha maior comprensión da natureza deste tipo de interaccións, demostrando ademais a posibilidade de construír novidosos cuncas moleculares (buckybowls, moléculas con forma de taza derivadas de fulereno) que actúan como receptores aniónicos selectivos, de grande interese no campo dos novos materiais. A autora da tese 'Estudo da interacción entre ións e sistemas aromáticos complexos: cadeas laterais de aminoácidos, canles iónicas e cuncas moleculares', dirixida por Enrique Manuel Cabaleiro Lago e Jesús Rodríguez Otero, é natural de Castro de Rei e enxeñeira técnica industrial, especialidade en Química Industrial, e Máster en Química Avanzada pola Universidade de Santiago en 2011. O tribunal que avaliou a investigación estivo formado polos docentes Antonio Largo Cabrerizo, da Universidade de Valladolid; Maria Natália Dias Soeiro Cordeiro, da Universidade do Porto; José Manuel Hermida Ramón e Ángeles Peña Gallego, da de Vigo; e Emilio Martínez Núñez, da USC. Alba Campo defendeu a tese na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo

The contents of this page were updated on 12.26.2014.