A Escola Politécnica Superior celebra o Día Forestal Mundial coa apertura da mostra ‘Reserva da Biosfera’, aberta ata o día 27
A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo vén de abrir a mostra ‘Reserva da Biosfera’, unha exposición organizada no ano 2012 polo GDR Mariñas Betanzos co gallo da presentación da candidatura para que as áreas dos arredores do río Mando fosen consideradas susceptibles de ser escollidas para a súa posible declaración como Reserva da Biosfera.
A mostra, que está estruturada en diversos paneis nos que achega información sobre as reservas da Biosfera, chega ao campus de Lugo cedida polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) e permanecerá instalada e aberta ao público ata o vindeiro día 27 de marzo na entrada da cafetería da Escola Politécnica Superior. A apertura desta mostra, que se pode visitar de balde, é unha das actividades organizadas pola Escola Politécnica Superior co gallo da próxima celebración do Día Forestal Mundial, unha efeméride que se lembra todos anos, segundo fixou a Unesco, o día 21 de marzo, por se esta a data que marca o comezo da primavera no hemisferio Norte e do outono, no hemisferio Sur. As reservas da Biosfera son declaradas pola Unesco no marco do programa MaB (Home e Biosfera). A finais do ano 2010 había catalogadas 563 reservas da Biosfera en 110 países e nelas pódense atopar todos os ecosistemas e todas as culturas coñecidas no planeta Terra.