Skip to main content

A USC súmase ao Día Internacional das Mulleres coa celebración dun acto conmemorativo en Fonseca

O reitor e demais autoridades presentes no acto, xunto con integrantes da Escola Infantil Breogán ao remate do acto. Foto: Santi Alvite
O reitor e demais autoridades presentes no acto, xunto con integrantes da Escola Infantil Breogán ao remate do acto. Foto: Santi Alvite
O recoñecemento do labor da Escola Infantil Breogán e a lectura do manifesto asinado por 40 universidades públicas centran unha sesión presidida polo reitor Juan Casares

A Universidade de Santiago de Compostela súmase ás celebracións do Día Internacional das Mulleres coa organización este venres dun acto conmemorativo no Salón Nobre do Colexio de Fonseca que estará presidido polo reitor Juan Casares e no que tamén intervirán a secretaría xeral de Igualdade, Susana López Abella; a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, e a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero, Eva Aguayo.

A celebración desta sesión servirá para facer aínda máis visible o recoñecemento ao labor que desenvolve a Escola Infantil Breogán da USC pola súa traxectoria en prol da igualdade, erixíndose nun servizo fundamental nas políticas activas de conciliación da vida laboral e persoal da comunidade universitaria compostelá. A entrega por parte do reitor da USC dunha placa con Mención Honorífica á educadora da Escola Infantil Breogán Olga González Fontán, á cociñeira Dolores Valiñas López e a Raquel Martínez Quiles, do departamento de administracións do devandito centro, proba o recoñecemento tributado pola USC á súa escola infantil, na actualidade dirixida por Cristina Abeal Pereira, outra das participantes no acto. A lectura do manifesto promovido pola Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU) e asinado por 40 universidades públicas españolas completa os actos previstos na USC nesta sesión conmemorativa do Día Internacional da Muller, unha efeméride que todos os anos se celebra o 8 de marzo. Este manifesto conxunto de 40 universidades públicas españolas co gallo do Día Internacional da Muller vén reivindicar, aínda na actual conxuntura de crise económica, a necesidade de seguir apostando polas políticas de igualdade como elementos esenciais na axenda das universidades e do resto de institucións públicas. O texto demanda a adopción e implantación de medidas concretas na universidade pública española, tales como a creación dunha Comisión Sectorial de Igualdade de Xénero na CRUE, que que supoñan un apoio real e que eviten que os plans de igualdade acaben en formalismos retóricos.

The contents of this page were updated on 03.07.2014.