Skip to main content

As certificacións ISO 9001 e 14001 acreditan os sistemas de xestión de calidade e medioambiental da Estación de Bioloxía Mariña da USC

As certificacións ISO 9001 e 14001 acreditan os sistemas de xestión de calidade e medioambiental da Estación de Bioloxía Mariña da USC
As certificacións ISO 9001 e 14001 acreditan os sistemas de xestión de calidade e medioambiental da Estación de Bioloxía Mariña da USC

A Estación de Bioloxía Mariña da USC na Graña (Ferrol) acaba de acreditar os seus traballos de apoio docente e investigación en Zooloxía Mariña coas certificacións ISO 9001:2008 de Xestión da Calidade e ISO 14001:2004 de Xestión Medioambiental. O centro investigador recibiu as credenciais de ambas certificacións este xoves 6 nun acto no Salón de Graos do Colexio de San Xerome no que participaron o reitor Juan Casares, o director xeral de Lloyd’s Register Quality Assurance España, Juan Maties García; o director da Estación, Victoriano Urgorri Carrasco; e a subdirectora deste centro, Celia Besteiro Rodríguez. As certificacións outorgadas, tanto en Xestión Medioambiental como de Calidade, recoñecen os procesos utilizados por este centro investigador nos traballos de recolección, separación e identificación de fauna bentónica, determinación de parámetros fisicoquímicos en auga e en sedimento, así como as análises sedimentolóxicas. A Estación de Bioloxía Mariña da Graña que dirixe o profesor Victoriano Urgorri creouse en 2001 como servizo específico de apoio á docencia e á investigación no campo da bioloxía mariña. Na súa actividade facilita aos investigadores as súas instalacións e medios para o desenvolvemento de traballos científicos, proxectos de investigación, teses de doutoramento, reunións científicas e o establecemento e coordinación de relacións de intercambio científico con outras universidades e institucións científicas de España e doutros países. Ademais, no plano docente colabora coa formación do alumnado universitario da USC e doutras universidades españolas e estranxeiras en temas relacionados coa bioloxía mariña. Ademais do asesoramento e colaboración que en materia de investigación ofrece a entidades públicas e privadas, a Estación orienta a súa actividade á divulgación científica, tanto dende o punto de vista formativo como para fomentar na cidadanía a preocupación pola conservación do medio natural. Nos últimos anos, entre outros, centrou os seus esforzos investigadores no estudo do sistema profundo batial e abisal de Galicia en colaboración con outras universidades e centros de investigación nacionais e estranxeiros. As súas instalacións comprenden dous edificios: a Casa do Hórreo destinada a investigación, con instalacións e medios axeitados para o desenvolvemento de traballos e reunións científicas, proxectos de investigación e teses de doutoramento, e a Casa da Estrela para fins docentes e cunha residencia para facilitar a realización de actividades formadoras.

The contents of this page were updated on 03.06.2014.