Skip to main content

Investigadoras de seis universidades reúnen nun libro os principais achados politolóxicos en perspectiva de xénero

A presentación da obra desenvolveuse na Facultade de Ciencias Políticas. Foto: Servimav-USC
A presentación da obra desenvolveuse na Facultade de Ciencias Políticas. Foto: Servimav-USC

O libro Ciencia política con perspectiva de xénero é a resposta dun grupo de profesoras procedentes de diferentes campos da Ciencia Política que xuntaron esforzos para intentar contribuír a enriquecer a disciplina dende un enfoque que integre a perspectiva de xénero no centro dos principais debates e discusións da Ciencia Política. O volume está coordinado polas profesoras da USC Alba Alonso e Marta Lois González que reuniron as achegas de investigadoras do grupo Xénero e Política que integran expertas das universidades Complutense, Pompeu Fabra, de Oviedo, Barcelona, País Vasco e da USC. O volume presentouse este mércores 12 no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Políticas nun acto que presidirá a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, e xunto á quen tamén asistiu a decana da Facultade, María Antonias Arias Fernández e o catedrático e director da colección Akal-Ciencia Política, Ramón Máiz. Interviron ademais, a coordinadora da obra, a profesora Marta Lois, a profesora da Universidade de Oviedo Amparo Novo Vázquez e a catedrática de Filosofía da USC María Xosé Agra. Esta presentación inclúese no abano de actividades organizadas na institución docente compostelá dentro dos actos conmemorativos do Día das Mulleres. Como explican as coordinadora no prólogo, este novo título xurde como resposta pola postura neutra da Ciencia Política ante o xénero, o que supón obviar a incidencia das desigualdades entre mulleres e homes no seu obxecto de estudo. Así, o obxectivo do novo libro foi “elaborar un manual que cuestionase o argumento relativo a que ‘non procede’ ou ‘non é factible’ a inclusión da perspectiva de xénero nesta disciplina ou nun tema específica da Ciencia Política”. A utilización dunha linguaxe non sexista ou dun sistema de citas bibliográficas que dea visibilidade ao nome de autoras e autores son aspectos tamén presentes na elaboración formal do volume, no que se incorporan os principais achados politólogos con perspectiva de xénero. Así, como explican as súas coordinadoras, ofrece un amplo panorama introdutorio sobre temas e debates centrais de Ciencia Política seleccionados a partir de las principais materias de grao das titulacións de Ciencia Política existentes nas universidades españolas e tendo en conta tamén o Libro Branco de Ciencia Política da ANECA. Os temas seleccionados foron as institucións políticas, métodos de investigación, o sistema político español, o comportamento político, os partidos e os movementos sociais, as políticas públicas e a súa avaliación, as relacións internacionais, a comunicación política e a teoría política. En conxunto, “as aproximacións politolóxicas con perspectiva de xénero que percorren os diferentes capítulos do manual son heteroxéneas e ofrecen diversas visións sobre a relacións entra a Ciencia Política e as desigualdades de xénero”.

The contents of this page were updated on 03.12.2014.