Skip to main content

A alimentación saudable dos escolares centra unha iniciativa pioneira de profesores e estudantes da Facultade de Ciencias

Escolares nun obradoiro sobre consumo de alimentos
Escolares nun obradoiro sobre consumo de alimentos
Alumnos/as e docentes do grao en Nutrición Humana e Dietética fomentan bos hábitos alimentarios entre os máis cativos a través de sesións e obradoiros participativos

A alimentación saudable dos/as escolares e o fomento das boas prácticas alimentarias entre os máis pequenos/as é o eixe dunha iniciativa pioneira que vén de poñer en marcha a Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC e na que teñen unha especial implicación os alumnos/as e titulados/as do grao en Nutrición Humana e Dietética.

Esta campaña educativa e de sensibilización a prol da alimentación saudable nos escolares botou a andar este xoves na Facultade de Ciencias, onde un grupo de nenos e nenas de cuarto curso de Primaria do Colexio Fingoi da capital luguesa participaron nunha sesión formativa e de divulgación de bos hábitos alimentarios, durante a que estudantes e titulados/as en Nutrición Humana e Dietética informaron das propiedades dalgúns alimentos, ademais de facer recomendacións sobre as vantaxes que reporta o consumo de froitas, zumes... A alimentación saudable e, sobre todo, a concienciación social dos beneficios que reporta para a saúde o seguimento deste tipo de prácticas, é o obxectivo último dunha iniciativa piloto promovida polos profesores da USC Ana Botana, Jesús Casabiell, Lourdes Vázquez e Mercedes Rodríguez en colaboración co alumnado do grao en Nutrición Humana e Dietética. A alimentación é un factor esencial nas idades temperás, subliña a profesora Lourdes Vázquez, quen considera de vital importancia coidar os hábitos alimentarios en idades temperás porque son os que se conservan ao longo da vida. Vázquez cre ademais que este tipo de sesións favorecen a información e o maior coñecemento dos alimentos e das súas propiedades por parte dos nenos e nenas. Respecto da participación de estudantes e titulados do grao en Nutrición Humana e Dietética, Vázquez indicou que a súa implicación neste tipo de experiencias con nenos e nenas redunda tamén en beneficio da formación teórica recibida e constitúe un primeiro achegamento á vida laboral. A campaña educativa sobre alimentación saudable e bos hábitos alimentarios, unha temática que, segundo indicaron este grupo de docentes da Facultade de Ciencias, ben merecía ser obxecto dunha das materias dos programas académicos que se imparten no ensino primario, está aberta á participación de todos os centros educativos que estean interesados. De feito, os/as docentes e equipos de dirección de calquera centro educativo que teñan interese en participar nesta campaña poden formalizar a súa solicitude a través do enderezo de correo electrónico da Facultade de Ciencias fcdeca [at] usc.es (fcdeca[at]usc[dot]es), ou ben a través dos enderezos electrónicos ou extensións telefónicas dos profesores antes citados. A celebración das distintas actividades programadas no marco desta campaña a prol da alimentación saudable, cuxas sesións están estruturadas en breves intervencións orais por parte do alumnado do grao en Nutrición Humana e Dietética, ademais de diversos obradoiros tamén supervisados por docentes, pode desenvolverse tanto nas dependencias da Facultade de Ciencias como nas instalacións dos distintos centros educativos interesados que fagan a súa correspondente solicitude para participar nesta campaña. Participantes na campaña sobre alimentación saudable promovida pola Facultade de Ciencias de Lugo

The contents of this page were updated on 12.04.2014.