Skip to main content

A Fundación Bautista Álvarez e a Agrupación Cultural O Galo mostran en Fonseca o traballo da UPG nos seus 50 anos

En 2014 cúmprense 50 anos da fundación da Unión do Povo Galego e con este motivo a Fundación Bautista Álvarez e a Agrupación Cultural O Galo decidiron promover a exposición ‘A Nación galega en pé. 50 anos da fundación da Unión do Povo galego’, que conta coa colaboración da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC. A mostra inaugúrase este martes 2 ás 20.00 horas no salón artesoado do Colexio de Fonseca nun acto ao que asisten os presidentes da Fundación Bautista Álvarez, o propio Bautista Álvarez, e de O Galo, María Antonia Pérez, que é á vez a comisaria da exposición. Conforman a mostra oito paneis e outros tantos expositores con fotos, audiovisuais, carteis, revistas, libros, discos e publicacións varias que achegarán ao visitante aos primeiros anos da organización e permitirán coñecer as relacións internacionais da UPG e os seus postulados políticos e ideolóxicos. A entrada á mostra será de balde e poderá visitarse ata o 3 de xaneiro do 2015 no horario habitual da sala de exposicións do Pazo de Fonseca. Así mesmo, a Fundación Bautista Álvarez e Agrupación Cultural O Galo, procurarán facilitar gratuitamente persoal para explicar a exposición a todos aqueles colectivos, asociacións ou pequenos grupos que soliciten realizar visitas guiadas.

The contents of this page were updated on 12.02.2014.