Skip to main content

O tratamento da guerra centra os encontros luso-galaicos do libro infantil e xuvenil nos que participan investigadores da USC

A profesora da USC Blanca-Ana Roig Rechou, coordinadora da Rede temática de investigación ‘Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano(LIJMI), reúnese estes días na Escola Superior de Educación do Instituto Politécnico de Porto (Portugal) xunto con membros galegos e portugueses desa rede nos 20º Encontros Luso-Galaicos do Livro Infantil e Juvenil que nesta ocasión se centran no centenario da Primeira Guerra mundial e no 75 aniversario da Guerra Civil Española, pero tamén noutras guerras. Por parte galega comentarase a única obra que trata a 1ª Guerra Mundial, U-49, de Rafael Lema, que será presentada pola investigadora Isabel Mociño que conversará co autor. Ademais, faranse obradoiros sobre obras que falan da Guerra Civil española como, por exemplo, as debidas a Agustín Fernández Paz, Marina Mayoral e Fina Casalderrey, pero tamén se falará da 2ª Guerra mundial (caso da obra de Héctor Carré) e guerras simbólicas. Encargaranse deste traballo Eulalia Agrelo, Mar Fernández e Marta Neira; mentres que Blanca Roig realizará un encontro coa escritora, contacontos e actriz Paula Carballeira, partindo da súa obra O principio. A directora e secretaria do Instituto de Ciencias da Educación, Ana Mª Porto e Mª Josefa Mosteiro, darán noticia de como se trata a guerra en centros de secundaria de Galicia a partir da análise de varias enquisas. Con este motivo reuniranse tamén membros galegos e colaboradores portugueses do Grupo LITER21 da Universidade de Santiago de Compostela para organizar unha exposición sobre a ilustración nas obras que tratan as guerras. Para iso acompañan ao grupo de LIJMI os profesores Mª Jesús Agra e Anxo Tarrío.

The contents of this page were updated on 12.12.2014.