Skip to main content

O profesor da USC Ángel Carracedo ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

Ángel Carracedo
Ángel Carracedo

O catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, Ángel Carracedo, ingresa este mércores 17 na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) cun discurso titulado ‘A revolución xenómica e o seu impacto no mundo contemporáneo’. No acto solemne de ingreso, ás 19.00 horas no Pazo de San Roque (Santiago), Carracedo recibirá a medalla e o diploma de académico de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos. Asisten as conselleiras de Sanidade e de Medio Rural e do Mar, Rocío Mosquera e Rosa Quintana; o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luis Armesto; o vicerreitor de Organización Académica e PDI da USC, Luís Lima Rodríguez; o valedor do Pobo, José Julio Fernández; e o conselleiro maior do Consello de Contas, Xesús Palmou. Ángel Carracedo (Santa Comba, A Coruña) dirixe a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica –o centro de maior volume de España na diagnose de enfermidades xenéticas– e o Centro Nacional de Xenotipado do Instituto de Saúde Carlos III. O grupo de investigación de Medicina Xenómica que dirixe está composto por arredor de cen persoas de 15 nacionalidades. Publicou 12 libros e 480 artigos en revistas internacionais, incluídas Nature e Science, e as súas principais liñas de investigación son a farmacoxenómica e a xenética do cancro, así como das enfermidades psiquiátricas en idade infantil e a xenética de poboacións.

Entre outros galardóns, recibiu o Premio Jaume I de Investigación Médica e o Galien, coñecido como o Nobel do Medicamento, na categoría de Mellor Labor Investigadora.

The contents of this page were updated on 12.17.2014.