Skip to main content

Unhas xornadas defenden en Ciencias a conservación de medidas de prevención durante a crise para garantir a seguridade laboral

Mariñas Liste, González de Catro, Martínez Ageitos, Chaín e Gasalla, na apertura das xornadas na Facultade de Ciencias
Mariñas Liste, González de Catro, Martínez Ageitos, Chaín e Gasalla, na apertura das xornadas na Facultade de Ciencias
O presidente da Sociedade Española de Medicina e Seguridade do Traballo destacou que a prevención é sempre máis efectiva e menos custosa que os sinistros e as doenzas

O presidente da Sociedade Española de Medicina e Seguridade do Traballo, Pedro González de Castro, alenta a que os centros de traballo invirtan ou, cando menos, manteñan durante esta época de crise económica as medidas de prevención de riscos que aplicaban con anterioridade, pois resultaría moi negativo para a sociedade relaxar ou rebaixar a vixilancia por mor da conxuntura económica.

González de Castro realizou estas declaracións no acto inaugural das XXI Xornadas da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais, un foro que reúne na Facultade Ciencias a estudantes, titulados, docentes e técnicos en materia de prevención de riscos, unha sesión na que reiterou que “ a prevención sempre resulta menos custosa e máis efectiva para as persoas e para as empresas que a posterior recuperación dos accidentes”. As mensaxes vertidas polo presidente da Sociedade Española reforzan aínda máis se cabe o lema escollido para unhas xornadas que se desenvolven baixo o epígrafe ‘Sementar prevención para recoller seguridade’, ao tempo que fan da cidade de Lugo a capital da prevención de riscos, segundo indicou o concelleiro lugués Manuel Chaín. O decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos, quen tamén participou na apetura do foro xunto co responsable do ISSGA en Lugo, Manuel Gasalla, e co presidente da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais, Juan Mariñas, cualificou de importante a celebración deste foro nun centro universitario por actuar así como vínculo e canle co mundo profesional en aras a mellorar a formación e capacitación de futuros técnicos en prevención. A quenda de relatorios da xornada comezou cunha sesión de presentación da ‘Guía de boas prácticas en Prevención de Riscos Laborais. Manual de Seguridade no Laboratorio’, a cargo da súa autora, a doutora en Bioloxía e técnico de Hixiene Industrial do ISSGA, Lucía Ferrán. As nanopartículas, a resolución de conflitos como novo enfoque preventivo para os problemas psicosociais no traballo, a xestión dunha alerta de saúde laboral como o ébola, os protocolos sanitarios específicos en actividades de especial risco, o emprendemento na prevención de riscos e ou as razóns dunha vacina tetravalente para a gripe son outros dos temas sobre os que versarán os relatorios e táboas redondas programadas no marco das XXI Xornadas da Sociedade Galega de Prevención de Riscos.

The contents of this page were updated on 12.19.2014.