Skip to main content

Prémianse os mellores traballos redactados en galego

Prémianse os mellores traballos redactados en galego
Prémianse os mellores traballos redactados en galego
O 24 de xullo remata o prazo para presentarse á modalidade de traballos académicos dos X Premios á Calidade Lingüística

A Universidade de Santiago convoca unha nova edición dos Premios á calidade lingüística para o fomento do uso do galego entre o alumnado. O certame recoñece os mellores traballos académicos, proxectos de fin de carreira e de grao e de fin de mestrado redactados nesa lingua no curso 2013-2014. Quen desexe presentarse á modalidade de traballo de curso dispón de poucos días para facelo, xa que o prazo remata o 24 de xullo. No resto de modalidades a data límite é o 30 de setembro. A iniciativa, que conta co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística, diríxese ao alumnado de todos os centros e titulacións da USC que elabore os seus traballos en galego e obteña cando menos a cualificación de aprobado. Premios Concederanse cinco premios, un por cada grande área de coñecemento, en cada unha das tres modalidades. Aos mellores traballos académicos de curso corresponderalles 150 euros, 300 euros para os proxectos de fin de carreira e de fin de grao e 400 para os mellores traballos de fin de mestrado. En todos os casos reciben ademais un diploma para o seu currículo. Habilidades necesarias A presentación axeitada dun traballo ou documento dende o punto de vista formal (calidade na redacción, boa estruturación da información, claridade e cohesión, correcto deseño, e por suposto, corrección lingüística e terminolóxica) é unha habilidade comunicativa que calquera universitario/a debe posuír, e que neste concurso se liga á utilización da lingua galega. As bases do certame atópanse nun web no que ademais o alumnado poderá atopar recursos de apoio para mellorar a calidade dos seus traballos académicos, como léxicos e vocabularios, recomendacións de estilo académico ou a base de datos terminolóxica multilingüe bUSCatermos, con máis de 100.000 entradas.

The contents of this page were updated on 07.15.2014.