Skip to main content

Preto de 20 persoas participan na Pastoriza no curso de verán da USC ‘Innovación tecnolóxica nas explotacións gandeiras’

Márquez, Carreira, Bueno, Villada e Vázquez, na Casa da Cultura da Pastoriza
Márquez, Carreira, Bueno, Villada e Vázquez, na Casa da Cultura da Pastoriza
Bueno Lema salienta o carácter de modernidade e innovación da actividade gandeira e convida a superar os vellos prexuízos que asocian este sector co antigo e tradicional

O sector agrogandeiro é un dos ámbitos de actividade nos que se está a experimentar un permanente proceso de modernización e innovación tecnolóxica, polo que cómpre esquecer os vellos prexuízos que asocian este tipo de traballos co antigo e co tradicional”, salientou o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, na presentación do curso de verán ‘ Innovación tecnolóxica nas explotacións gandeiras’. Este seminario seminario, que está incluído na programación da Universidade de Verán 2014 da USC, reúne desde hoxe ata o venres na Casa da Cultura da Pastoriza preto de 20 participantes e unha cifra semellante de relatores, a maioría pertencentes ao ámbito universitario e a distintas casas comerciais de maquinaria agrícola.

Os obxectivos deste curso pasan por modernizar a imaxe tradicional asociada de sempre ao sector agrongadeiro, a pesar da constante incorporación de tecnoloxías de última xeración, ademais de divulgar e difundir entre estudantes e profesionais as innovacións tecnolóxicas máis novas que xa están a aplicar nun sector dinámico e que pode presentar múltiples e atractivas oportunidades no horizonte laboral, sinalou Bueno Lema. O director deste curso de verán USC, no que tamén se inclúen sesións prácticas e demostracións de maquinaria de última xeración, ademais de visitas a tres explotacións gandeiras da Pastoriza, fixo tamén fincapé na necesidade de formación superior en Enxeñaría Agronómica para poder aconsellar ás explotacións agrarias na incorporación das innovacións tecnolóxicas. A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo é un referente en Galicia neste eido formativo, remarcou Bueno Lema na inauguración deste seminario no marco dun acto no que tamén participaron a tenente de alcalde de A Pastoriza, Elba Carreira, o tamén edil pastoricense Eloi Villada e o presidente de Agamac, Marcos Vázquez Marey. A elección da Pastoriza como sede para a celebración deste curso de verán non é unha casualidade, dixo Javier Bueno, ao tempo que engadiu que esta decisión da USC vén apoiada polo feito de que A Pastoriza é un dos concellos con maior cabana gandeira de Galicia (A Pastoriza) e tamén un dos emprazamentos do territorio español con mais produción láctea. A tenente de alcalde da Pastoriza, Elba Carreira agradeceu na súa intervención o interese amosado pola USC para a celebración deste curso de verán na Pastoriza, ao tempo que indicou que esta actividade, ademais de resultar de interese para os propios veciños, tamén pode servir de escaparate para que os pastoricenses dean a coñecer a súa forma de traballar e a propia organización do seu sector agrogandeiro. Cómpre lembrar neste senso as cifras da cabana bovina de vacún de leite de A Pastoriza, onde se teñen contabilizadas 11.744 cabezas de vacún de leite en produción, ademais de 7.597 xovencas, distribuídas en 318 explotacións. Á marxe destes datos, o concello pastoricense é o que, con 91.000 toneladas, concentra a asignación de cota láctea máis grande de España, lembrou Villada. Quenda de relatorios O enxeñeiro agrónomo Luis Márquez Delgado abriu a quenda de relatorios deste foro estival, organizado pola USC e que conta con financiamento do Concello da Pastoriza, e das empresas John Deere Ibérica S.A. e Durán Maquinaria Agrícola S.L., cunha intervención que se desenvolveu baixo o título ‘A evolución tecnolóxica da mecanización agraria’. Ao seu remate, Alejandro Rubio, de John Deere Ibérica, falou sobre a redución de emisións en motores de tractores agrícolas. A xornada de apertura deste foro rematou cun relatorio sobre innovacións en palas cargadores para tractores, a cargo de Alfonso Egea, de Alö France. Os sistemas de guiado de máquinas vía satélite, a xestión informatizada de parques de maquinaria, robótica e técnicas e sistemas innovadores no muxido de vacún de leite, dispositivos sensoriais para a análise de calidade en colleitadoras de forraxe, e mecánica clásica e fabricación de maquinaria agrícola en Galicia, son outros dos temas que abordarán ao longo desta semana os relatores que interveñan neste curso. Participantes no curso

The contents of this page were updated on 07.14.2014.