Skip to main content

A USC e Aresa presentan este luns as novas bases do XV Premio de Desenvolvemento Rural

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o presidente do grupo empresarial de subministros agrogandeiros Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, presentarán este luns, día 28 de xullo, a partir das 12.00 horas, na sala de prensa da Vicerreitoría de Lugo, as bases da XV edición do premio Aresa de Desenvolvemento Rural.

A presentación das bases desta nova edición do Premio Aresa de Desenvolvemento rural servirá tamén de acto de apertura do prazo de presentación de candidaturas. Os organizadores do premio darán conta nesta sesión dos novos cambios que terán as bases do certame, que este ano se centrarán nos subsectores agrogandeiros e que se abren tamén a aquelas iniciativas en fase de proxecto.

O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural é un dos galardóns máis prestixiosos que se entregan en Galicia pola súa contía, tradición e relevancia. Creado co obxectivo de favorecer e mellorar o benestar das persoas que viven no medio rural, esta décima quinta edición mantén ese obxectivo final pero da un novo xiro ás bases para adaptarse aos novos tempos e facilitar o acceso ao mesmo a todo o sector primario.

The contents of this page were updated on 07.24.2014.