Skip to main content

O catedrático José Manuel Touriñán, galardoado pola Rede Iberoamericana de Pedagoxía

O profesor Touriñán coordinará ademais a Rede Internacional de Pedagoxía Mesoaxiolóxica
O profesor Touriñán coordinará ademais a Rede Internacional de Pedagoxía Mesoaxiolóxica

A Rede Iberoamericana de Pedagoxía (REDIPE) recoñeceu no seu simposio internacional anual a traxectoria do catedrático de Teoría da Educación da USC José Manuel Touriñán López. Na clausura do evento académico entregóuselle o premio de exaltación ao mérito educativo, pedagóxico e á produción intelectual destacando “as súas achegas ao fortalecemento dos procesos formativos en materia conceptual e metodolóxica e o seu labor de enriquecemento do estado da arte da educación e a pedagoxía desde os postulados formulados na súa obra pedagóxica”. Foi precisamente o profesor Touriñán o encargado de inaugurar o Simposio Internacional ‘ Educación, Pedagoxía e investigación educativa’ de REDIPE na Universidade Autónoma de Baixa California en Mexicali (Mexico), cunha conferencia sobre “o concepto de educación e a relación educativa: o carácter, o sentido, o significado e a orientación formativa temporal”. Ademais, tamén no transcurso dese encontro científico presentou o libro Concepto de educación y pedagogía mesoaxiológica editado pola rede. Pedagoxía Mesoaxiolóxica No mesmo simposio, e como un acto máis de recoñecemento das achegas á Pedagoxía do profesor Touriñán, presentouse a Rede Internacional de Pedagoxía Mesoaxiolóxica (RIPEME), que coordinará o profesor da USC e que propiciará investigación conxunta entre a institución compostelá e universidades latinoamericanas.

The contents of this page were updated on 12.01.2014.