Skip to main content

O Claustro Universitario rexeita a proposta da Xunta de Galicia para a reordenación das titulacións do SUG

O Claustro Universitario reunido este martes 17 aprobou por asentimento que a USC non dará resposta á proposta presentada pola Secretaría Xeral de Universidades respecto da reordenación das titulacións do Sistema Universitario Galego por consideralo unha intromisión na súa autonomía universitaria. Na mesma xuntanza, o reitor Juan Casares informou que as Liñas Xerais de Orzamento para 2014 está previsto que se presenten a comezos do vindeiro mes de febreiro. O exercicio económico da Universidade compostelá presenta un desfase no ámbito da tesourería que imposibilita a elaboración dos orzamentos, xa que a USC ten pendentes de cobro un total de 38,3 millóns de euros, procedentes na súa maioría do Fondos Feder do ano 2008 (7,2 millóns de euros), da Axencia Tributaria en concepto de IVE (10,01 millóns de euros), así como doutros cobros pendentes (17,7 millóns de euros). Á súa vez, a institución universitaria tería pendentes de pago outros 31,6 millóns de euros, en concepto de pagamento a provedores, limpeza e seguridade, devolución de préstamos, IRPF, Seguridade Social ou nóminas. O exercicio que está a piques de rematar caracterízase ademais polas diminucións rexistradas para 2013 no apartado de ingresos, xa que diminúen os ingresos por prezos públicos de matrícula (448.525 euros menos con respecto a 2012) e a subvención fixa establecida pola administración (que achega 8,35 millóns menos que o pasado ano), aínda que aumenta o financiamento asociado á resultados, ao pasar de 7,5 millóns a 13,15. O saldo, en calquera caso, rexistra unha minoración no global de 3,15 millóns de euros. No capítulo de ingresos por investigación, as previsións da USC para 2013 indican que a universidade percibirá por estes conceptos un total 12,72 millóns de euros menos que en 2012. Baixan as partidas por servizos prestados por investigación (-2,64 millóns de euros); os recursos por investigación procedentes do goberno estatal (-1,75 millóns de euros), da administración autonómica (-1,10 millóns de euros) e da Unión Europea (-5,94 millóns de euros), así como os anticipos reembolsables (-1,26).

The contents of this page were updated on 12.17.2013.