Skip to main content

O grupo afeccionado ‘Avelaíña teatro’ presenta este sábado no centro cultural de Fingoi a obra ‘María Castaña’

Xabier Fernández, Antón Lamapereira, Manuel Ayán e Xosé Valcárcel, na presentación da obra
Xabier Fernández, Antón Lamapereira, Manuel Ayán e Xosé Valcárcel, na presentación da obra
A montaxe, organizada pola Asociación IV Ciclo Universitario da USC no campus de Lugo, amosa a ideoloxía e a forza como facianas visibles do poder en época de crise

O grupo de teatro afeccionado ‘Avelaíña teatro’ levará a escena o sábado 30 de novembro, a partir das 18.00 horas, no centro cultural de Fingoi a montaxe ‘María Castaña’, unha peza baseada nos textos de Manuel Ayán, nado no concello da Pobra do Brollón de onde tamén era María Castaña, e dirixida por Antón Lamapereira.

Esta actuación teatral chega á capital luguesa promovida pola Asociación IV Ciclo Universitario da USC no campus de Lugo, cuxo secretario, Xosé Valcárcel, comentou que se ben o teatro non é habitual nos programas divulgativos organizados polo colectivo, a temática desta peza si que encaixa no ciclo ‘Que foi, como aconteceu’. Valcárcel indicou ademais que esta representación teatral, gratuíta e de libre acceso para todas as persoas interesadas, servirá de complemento ao relatorio ofrecido o pasado mércores polo historiador Adolfo de Abel Vilela baixo o título 'A cidade de Lugo no século XIV. O bispo frei Pedro López de Aguiar'. A montaxe teatral ‘María Castaña’ pretende ofrecer ao público unha visión verosímil, que non histórica, da figura de María Castaña, un personaxe co que a historia non ten sido demasiado xusta, segundo indicou Ayán. O autor desta peza teatral precisou neste senso que o pouco que se coñece de María Castaña responde á información que lle interesaba transmitir ao poder establecido da época. Aínda así, “María Castaña tivo que ser importante para que na baixa Idade Media se falara dunha muller”, dixo. Manuel Ayán relatou asemade que a obra ‘María Castaña’ pretende ofrecer unha visión do poder a xeito de farsa, pois “esta é a ollada habitual coa que o pobo observa o poder”, dixo, ademais de afondar desde unha óptica dramática no desencontro entre o pobo, representado na figura de María Castaña, e o poder. ‘Avelaíña teatro’ é unha formación integrada por un grupo de amigos coa pretensión de facer a través da escena unha crítica ética da realidade, segundo indicou Xabier Fernández, un dos membros do grupo. Respecto da posta en escena desta montaxe, o intérprete e director da mesma, Antón Lamapereira, sinalou que “a nosa idea afonda na concepción do teatro como xogo e non abusa da presenza de demasiados elementos escénicos”.

The contents of this page were updated on 11.29.2013.