Skip to main content

Un grupo da USC participa nunha investigación que reformula a función mitocondrial

Corte transversal dunha mitocondria
Corte transversal dunha mitocondria
O artigo, no que asinan Ángel Carracedo e Raquel Cruz, aparece publicado na prestixiosa revista científica Science

As mitocondrias son as encargadas de subministrar a enerxía precisa para a actividade celular. E se ata agora parecía coñecerse de qué maneira se organizaban internamente, un grupo de científicos de toda España –entre eles da USC– acaba de publicar en Science un artigo no que demostran a existencia de superensamblaxes na cadea respiratoria da mitocondria que lle permite adaptarse a diferentes fontes de carbono. Esta organización dinámica ata agora descoñecida reformula a visión da función, regulación e homeostase do metabolismo enerxético da célula eucariota e ten importancia para entender enfermidades mitocondriais. Na investigación participaron cinco grupos españois de Madrid, Zaragoza, Sevilla, Oviedo e Santiago. Da USC son responsables do estudo o catedrático Ángel Carracedo, coordinador do grupo de Medicina Xenómica, e Raquel Cruz, investigadora CIBERER no mesmo grupo. En concreto, o grupo de Santiago interveu nunha das fases iniciais do estudo, a do análise xenético entre dúas liñas celulares que mostraban diferenzas no seu patrón de ensamblaxe dos complexos respiratorios. “ Analizamos máis de 600.000 SNPs e atopamos unha zona bastante ben acotada onde se concentraba a maioría dos SNPs que discriminaban esas liñas e na que se sitúa un xen (agora nomeado SCAFI) que codifica a proteína que modula a ensamblaxe dos complexos respiratorios en supercomplexos”, explica Cruz. No artigo dáse constancia dunha evidencia experimental que confirma o modelo de plasticidade. Establécese así un novo paradigma para a organización estrutural e funcional da cadea de transporte de electróns mitocondrial e a regulación do metabolismo bioenerxético en células eucarióticas.

The contents of this page were updated on 06.28.2013.