Skip to main content

Un obradoiro de cosmética natural impartido por persoal de Milhulloa reúne no Ibader un cento de asistentes

Asistentes ao obradorio de cosméticos naturais no Ibader
Asistentes ao obradorio de cosméticos naturais no Ibader
Os participantes elaboraron cremas hidratantes e de ollos a base de extractos naturais, así como locións para antes e despois do afeitado

Un obradoiro de cosmética natural reúne no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do campus de Lugo preto dun cento de participantes. Esta actividade formativa, desenvolvida no marco do curso de verán da USC ‘As plantas medicinais no desenvolvemento sostible das reservas da biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses’, está impartida por persoal especializado de Milhulloa Plantas Medicinais e Aromáticas, unha sociedade cooperativa galega emprazada no concello lugués de Palas de Rei e que comezou a súa actividade profesional hai xa doce anos.

A bióloga e socia de Milhulloa Plantas Medicinais e Aromáticas, Carmela Valiño, foi a encargada de impartir os obradoiros nos que todos os participantes tiveron ocasión de elaborar diversos produtos cosméticos a través do emprego de extractos vexetais e outros ingredientes naturais. “O proceso de elaboración de cosméticos como as cremas hidratantes, para ollos ou mesmo cremas para antes e despois do afeitado é moi sinxelo”, segundo comenta Valiño, quen destaca que “calquera persoa cuns coñecementos mínimos e cun instrumental mínimo pode chegar a facer este tipo de produtos, que son de máxima calidade”, engade. Logo de máis dunha década de experiencia en Milhulloa Plantas Medicinais e Aromáticas, unha cooperativa galega que elabora e comercializa produtos ecolóxicos baseados no aproveitamento das plantas medicinais e aromáticas que cultivan nunha superficie de pouco máis de dez hectáreas en Palas de Rei, salienta que a demanda deste tipo de artigos é cada vez maior. As posibilidades das plantas medicinais e tamén das aromáticas son moitas, segundo defende esta bióloga, para quen o aproveitamento deste tipo de recursos naturais é doado, rendible e aínda están se explotar. A actividade da sociedade cooperativa Milhulloa Plantas Medicinais e Aromáticas estivo centrada neste anos na elaboración e comercialización de oleatos, infusións e especias, ademais de grelos deshidratados, que é outra das súas liñas de traballo. Non obstante, os proxectos desta iniciativa empresarial para o futuro inmediato pasa pola produción e venda de cosméticos, dixo Valiño.

Respecto das especies vexetais coas que traballa a cooperativa Milhulloa, Carmen Valiño indicou que na finca de Palas de Rei cultivan unha ampla variedade de plantas, tales como romero, caléndula, milenrama, mentas, artemisa, melisa, orégano, albahaca, tomillo, salvia ou lavanda.

The contents of this page were updated on 07.31.2013.