Clausúrase en Matemáticas o Ano Internacional da Estatística
A Facultade de Matemáticas da USC acubillará este xoves 19 o acto de clausura do Ano Internacional da Estatística que organiza a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación de Operacións (SGAPEIO). Máis de 2.300 organizacións uníronse en todo o mundo para celebrar e promover a importancia da estatística e a súa contribución ao avance da sociedade global. Tentouse aumentar a conciencia pública sobre o seu poder e impacto en todos os aspectos da sociedade, promover a estatística como unha profesión especialmente entre o estudantado de secundaria e da universidade e fomentar a creatividade e o desenvolvemento da probabilidade e a estatística. Durante este ano a SGAPEIO, da que forman parte numerosos docentes da USC, organizou actividades como o III Concurso da Incubadora de Sondaxes e Experimentos, o XI Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións e dúas Xornadas sobre o Ensino da Estatística celebradas en colaboración coa Fundación Barrié e AGAPEMA. O acto do xoves inaugurarase ás 17.30 horas coas intervencións da decana da Facultade de Matemáticas, Mª Victoria Otero Espinar; da presidenta da SGAPEIO, Esther López Vizcaíno; o director do Instituto Galego de Estatística, José Antonio Campo Andión; e o director do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC, César Sánchez Sellero. A continuación, o profesor de estatística da USC Pedro Faraldo Roca fará un percorrido polas actividades organizadas pola SGAPEIO dende que en 2010 se celebrara o Día Mundial da Estatística. Seguiralle o catedrático de estatística da Universidade de Vigo Antonio Vaamonde co relatorio ‘ Medida do paro’ e, finalmente, a charla ‘Aplicacións da estatística para a investigación social e comercial’ a cargo de Rebeca Villaverde, de Anova Multiconsulting, e Beatriz Pereira, consultora en Iuni Consulting e responsable de investigación comercial e de mercado.