O programa A Ponte celebra o luns unha xuntanza con equipos directivos e orientadores de toda Galicia
O programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC inicia o novo curso académico cunha reunión con equipos directivos e orientadores de centros de secundaria e bacharelato de toda Galicia que presidirá o reitor Antonio López e na que tamén participará o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo. A sesión celebrarase o luns 23 a partir das 11.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e nela tamén participarán a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; o delegado do reitor para Asuntos de Ensino Medio, Celso Rodríguez Fernández; e a profesora de Economía, Socioloxía e Política Agraria, Ana I. García Arias.
Na sesión, Celso Rodríguez presentará as actividades do programa A Ponte para o curso 19/20, mentres que Ana I. García Arias presentará un relatorio centrado no Campus de Lugo co lema ‘As titulacións e a sustentabilidade como visión de futuro’. Previo á celebración dunha rolda aberta de intervencións, Celso Rodríguez presentará o informe da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG). A xuntanza celebrarase igualmente no Campus de Lugo o próximo día 3 de outubro.