Skip to main content

A Real Sociedade Matemática Española desenvolve na USC o seu congreso bienal, que marcará as pautas científicas para unha nova etapa

O reitor conversa co conselleiro de Educación, a decana de matemáticas, o profesor Enrique Macías e o presidente e presidenta das sociedades matemáticas española e europea, respectivamente. Foto:...
O reitor conversa co conselleiro de Educación, a decana de matemáticas, o profesor Enrique Macías e o presidente e presidenta das sociedades matemáticas española e europea, respectivamente. Foto:...

A Real Sociedade Matemática Española (RSME) comeza esta semana na Universidade de Santiago de Compostela unha nova etapa coa celebración na cidade do seu Congreso Bienal, o acontecemento matemático máis relevante que se organiza en España e que será onde se marque o rumbo da actividade matemática para as vindeiras décadas. Este primeiro encontro do segundo centenario da entidade supón o recoñecemento da comunidade matemática española ao “excelente nivel desta ciencia en Galicia e en concreto na Facultade de Matemáticas da USC”, que leva ocupando o primeiro lugar dos ránkings académicos nos últimos anos. Así o puxo de manifesto este luns en rolda de prensa o presidente da RSME, Antonio Campillo, que estivo acompañado do presidente do comité organizador e ex vicepresidente da Sociedade, o profesor da USC Enrique Macías; a decana da Facultade de Matemáticas, Victoria Otero; e a presidenta da Sociedade Matemática Europea, Marta Sanz Solé. Todos eles coincidiron en subliñar a exhaustividade e alta calidade do programa científico do encontro que hoxe comeza na Universidade compostelá, pioneira nos estudos, por exemplo, de matemática industrial da man do catedrático Bermúdez de Castro, encargado de pronunciar a conferencia inaugural. As arredor de 200 conferencias e comunicacións que terán lugar no encontro a desenvolver entre os días 21 e 25 de xaneiro son unha mostra da notable actividade científica que existe na actualidade no campo das matemáticas. Serán máis de 350 as persoas participantes, que asistirán ás 9 conferencias plenarias a cargo de recoñecidos especialistas españois, 18 pósters e 207 conferencias en 18 sesións científicas diferentes, que ofrecerán unha panorámica da investigación recente en España. Inauguración O congreso inaugúrase este luns 21 ás 19.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca nun acto no que participan, entre outras personalidades, o reitor da USC, Juan Casares, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez. A continuación intervirá o catedrático da USC Alfredo Bermúdez de Castro coa conferencia plenaria ‘Simulación e optimización de redes de transporte de gas’. Rematará esta primeira xornada coa entrega do Premio José Luis Rubio de Francia (JLRF) da RSME novos investigadores e investigadoras en Matemáticas. O resto das sesións do encontro, cuxo comité organizador preside o profesor da USC e ex vicepresidente da RSME, Enrique Macías, desenvolveranse na Facultade de Matemáticas. O martes 22 a xornada comezará coa intervención de Alberto Enciso, membro do ICMAT e Premio José Luis Rubio de Francia en 2011, titulada ‘Tubos de vorticidade anudados na ecuación de Euler’. A terceira conferencia plenaria correrá a cargo do profesor da Universidade de Cantabria e Premio JLRF en 2010, Carlos Beltrán. Tras múltiples sesións de comunicacións a xornada rematará coa celebración da xunta xeral da Sociedade na que se someterá a aprobación o Plan Estratéxico 2013–2018 e o Código de Boas Prácticas da Sociedade Matemáticas Europea. As conferencias plenarias que se sucederán ao longo da semana corresponderanlle a Elena Fernández Aréizaga, da Politécnica de Cataluña; José Manuel Mazón, da Universidade de Valencia; Rosa María Miró, de Barcelona; María Pe Pereira, do Instituto de Matemáticas de Jussieu; Manuel Ritoré, de Granada; e Juan Souto, da Universidade de British Columbia (Vancouver). Actividades complementarias Ademais das sesións propiamente científicas están previstas outras actividades como a presentación, o mércores 23 ás 20.00 horas, dos libros El teorema de Gödel, un análisis de la verdad matemática, de Josep Plà i Carrera, editado pola RSME como achega á celebración do Ano Turing da Informática, e o xoves 24 ás 13:30 horas de Análisis Funcional, de Bernardo Cascales, José Manuel Mira, José Orihuela e Matías Raja. Ademais, na tarde do venres 25 desenvolverase unha sesión de educación organizada pola RSME, a Sociedade de Profesores AGAPEMA e a Facultade de Matemáticas da USC que consistirá na conferencia ‘Matemáticas e Arquitectura, función e forma’ de Sandra Sambade e na mesa redonda ‘Matemáticas e Universidade, retos en tempos de crise’. A RSME A Real Sociedade Matemática Española foi fundada en 1911 co obxectivo de promocionar as Matemáticas e as súas aplicacións e fomentar a investigación e ensinanza en todos os niveis educativos. Entre outras moitas actividades, a RMSE publica revistas de ampla difusión -como La Gaceta- e de investigación – Revista Matemática Iberoamericana, libros de texto, de divulgación e de historia, ademais dunha colección de libros de investigación conxuntamente coa Sociedade Matemática Americana. A RSME xestiona o portal de divulgación de Matemáticas máis coñecido de España, DIVULGAMAT, utilizado por profesionais da ensinanza e que organiza numerosas iniciativas como concursos, recursos para a aula ou publicacións. Desde os anos 60 a Sociedade é tamén a organizadora da coñecida Olimpíada Matemática e a promotora da excepcional exposición RSME-­‐Imaginary, que visitará Santiago o próximo mes de marzo. De esquerda a dereita: Marta Sanza, Victoria Otero, Antonio Campillo e Enrique Macías De esquerda a dereita, Enrique Macías, Marta Sanz, Jesús Vázquez, Juan Casares, Victoria Otero, Antonio Campillo e Ignacio Luengo. Foto: Santi Alvite Foto: Santi Alvite

The contents of this page were updated on 01.21.2013.