Ciencias Económicas e Empresariais organiza un ciclo de seminarios para mellorar as competencias transversais máis demandadas polos empregadores

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais vai desenvolver entre febreiro e abril o ciclo ‘Empléa-T’, unha serie de seminarios gratuítos para o estudantado que veñen cubrir unha competencias transversais de gran demanda polos empregadores. É unha iniciativa na que tamén participa a Cátedra Bancaja de Emprendedores Novos que cubre o 100% do custe dos seminarios. O obxectivo da iniciativa é atender o baleiro da formación regrada neste ámbito e completar o currículo formativo dos futuros profesionais, preparándoos para afrontar en mellores condicións a súa entrada no mundo profesional. Os principais destinatarios son o alumnado de Economía e Administración e Dirección de Empresas, con prioridade para quen curse o último ano da titulación e para matriculadas/os en Traballo Fin de Grao. O calendario comezará con Conciéncia-T, para abordar a situación actual do mercado laboral e as perspectivas de futuro, e continuará con Conóce-T, unha proposta que analizará os perfís profesionais para elixir ao candidato de cada posto e onde os participantes recibirán o seu perfil competencial; Posicióna-T, cunha reflexión sobre como destacar do resto de candidaturas nun proceso de selección; Comuníca-T, a modo de taller de comunicación e presentacións en público; Vénde-T, para traballar a actitude desexable nunha entrevista de traballo; Lánza-T, prestará atención a cuestións como o poder da iniciativa, o medo ao fracaso ou os talentos persoais; Especialíza-T, mesa redonda dedicada ao papel actual dos estudos de posgrao e o seu impacto no mercado laboral.
A modo de xornada de peche e completando estes seminarios e obradoiros, celebrarase unha xornada co lema ‘A visión dos empregadores’ para coñecer a visión dos responsables de recursos humanos dentro da empresa e doutros axentes de apoio aos futuros graduados/as na súa entrada ao mundo laboral. Os seminarios celebraranse os mércores do 27 de febreiro ao 24 de abril a partir das 12.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Económicas e Empresariais. O alumnado interesado poderá formalizar a súa inscrición, en todos os seminarios propostos ou nos que consideren de maior interese, ata dous días antes da súa celebración. As persoas interesadas poderán acadar máis información e formalizar a súa inscrición na web do centro.