Skip to main content

O fotógrafo Román Montesinos amosa na sala Isaac Díaz Pardo de Veterinaria as súas ‘Metáforas visuais’

O vicerreitor Pedro García Herradón abrirá este martes a mostra, que permanecerá aberta ao público en Lugo ata o vindeiro 30 de xuño

O fotógrafo coruñés Román Montesinos amosará este martes as súas ‘Metáforas visuais’ na sala de exposicións Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo. A mostra, que permanecerá no campus lugués ata o vindeiro 30 de xuño, poderá visitarse en horario ininterrompido, de luns a venres, de 9.00 a 21.00 horas.

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, inaugurará este martes, día 7 de maio, a partir das 12.30 horas, esta mostra fotográfica, no transcurso dun acto público no que, entre outros, tamén estará presente o decano da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo, Germán Santamarina. A obra fotográfica de Román Montesinos, xeólogo especializado en Paleontoloxía e na actualidade profesor da Universidade da Coruña, sempre estivo ligada coa visión metafórica da realidade. De feito, nas súas fotografías, este coruñés nado nunha tarde brumosa de finais de agosto de 1952, como acostuma dicir o propio Montesinos, evoca distintos tipos de sentimentos, conxugando o material co anímico, en moitas ocasións con varios planos inmersos.

Román Montesinos, cuxa obra na liña da poesía visual é obxecto de comparación coas creacións do xenial Chema Madoz, é autor de máis de vinte exposicións individuais en distintas salas. Asemade, este artista, que tamén participa no proxecto ‘Andante’, promovido polo arquitecto de Allariz, Ramón Álvarez, conta cunha das súas obras na exposición permanente no Museo do Humor de Fene.

The contents of this page were updated on 05.06.2013.