A Politécnica, Ciencias e Veterinaria organizan do 25 ao 28 de xuño o I Campus de Verán Científico Técnico Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela vén de abrir o prazo de preinscrición para o I Campus de Verán Científico Técnico Lugo, que celebrará do 25 ao 28 de xuño na sede universitaria luguesa. Esta iniciativa, promovida polas facultades de Veterinaria e Ciencias e pola Escola Politécnica Superior, pretende divulgar e achegar ao estundatado preuniversitario as titulacións científico-técnicas e a investigación desenvolvida nos distintos centros da sede universitaira luguesa.
O Campus de Verán Científico-Técnico Lugo é un novidoso programa impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Deputación e o Concello de Lugo, a través do que se busca dar a coñecer a ciencia e a tecnoloxía desenvolvida na sede universitaria luguesa mediante a organización de talleres e o desenvolvemento de proxectos científicos e técnicos que teñan como protagonistas aos estudantes de ESO e Bacharelato. Fometar o interese polas titulacións científicas e técnicas ofertadas no campus lugués, achegar toda a información dispoñible para que os futuros universitarios poidan elexir mellor o seu futuro e divulgar a investigación feita no campus de Lugo son outros dos obxectivos deste programa, coordinado pola profesora Mercedes Novo Rodríguez. O alumnado de últimos cursos da ESO e de BAC, fundamentalmente os/as matriculados/as en 4º de ESO e 1º de BAC conforman os principal colectivo de estudantes aos que se dirixe esta iniciativa lúdica e formativa, que se desenvolverá a última semana do mes de xuño, do 25 ao 28, en horario de 10.00 a 19.00 horas, nas facultades de Ciencias e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Lugo. As visitas aos distintos laboratorios de investigación, o desenvolvemento de actividades prácticas e de talleres relacionados coas titulacións científicas e técnicas do campus de Lugo centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá. Polas tardes, os/as alumnos/as inscritos no programa, repartidos en grupos pequenos, desenvolverán, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elexir entre 15 propostas. Preinscrición e matrícula As persoas interesadas en participar no I Campus de Verán Científico Técnico Lugo deberán formalizar a súa preisncrición no programa antes do vindeiro día 20 de maio na páxina web www.usc.es/gl/cursos/campcientec, un enderezo electrónico no que tamén poderán atopar toda a información relativa ao desenvolvemento do campus. Os organizadores deste campus de verán informarán aos solicitantes por correo electrónico da súa admisión no mesmo, ao tempo que remitirán ao interesado/a o formulario de matrícula cos documentos de autorización dos pais. A inscrición neste campus ten un custe de 25 euros e, unha vez resolto o proceso de preinscrición, as persoas admitidas terán que facer o ingreso da matrícula e enviar o xustificante de pago xunto co resto dos documentos asinados, ben por correo postal ou tamén por email, ao enderezo electrónico campcientec [at] gmail.com (campcientec[at]gmail[dot]com). O prezo da matrícula inclúe a participación nas actividades conxuntas do campus científico tecnolóxico e como nun dos proxectos elexidos, ademais do material preciso para o campus. O seguro, o xantar nun comedor universitario durante os catro días do campus e o diploma de participación expedido pola Universidade de Santiago de Compostela, tamén vai incluído na taxa de matrícula. Asemade, o estudantado procedente de centros da provincia de Lugo disporán de transporte gratuíto para asistir a neste campus de acadar un número mínimo de participantes. Proxectos científicos e técnicos a desenvolver O estudantado que tome parte no I Campus de Verán Científico Técnico Lugo terá a ocasión de ser protagonista de diversos proxectos científicos e técnicos que versan sobre áreas de coñecemento moi diversas. Así, as propostas feitas desde a Facultade de Veterinaria levan por título Prácticas de veterinaria clínica, Animal CSI, realidade ou ficción?, As análises clínicas como forma de saber o estado de saúde dos animais, Separación de proteínas mediante electroforesis, e Animais diminutos nas praias galegas: a vida entre os grans de area.
A multiplicación de árbores por cultivo in vitro, o estudo da plasticidade do solo, modelado 3D e medicións mediante fotogrametría e a medida do caudal do Miño cun equipo Dopller constitúen as propostas científicas que ofrece a Escola Politécnica para os participantes no campus de verán. Un abano de proxectos non menos atractivo é o deseñado polo profesorado da Facultade de Ciencias, que desenvolverá seis experiencias científicas e técnicas que levan por título Química computacional, a química no teu ordenador, Uso dun colorante natural para a elaboración dunha escala de acidez, Sulfato de cobre, dende a preparación dun funxicida ata a protección de ferro, Produción eléctrica cunha froita, Fabricación de perlitas de alginato contendo colorantes naturais e iogur, e Luz, cor e fluorescencia.