Skip to main content

Dezanove artistas interpretan o espazo da Igrexa Universitaria en Procesalia 2013

Unha das instalacións da exposición que se pode visitar na Igrexa da Universidade (Foto: Santi Alvite)
Unha das instalacións da exposición que se pode visitar na Igrexa da Universidade (Foto: Santi Alvite)
Unha década despois, a USC fai unha relectura do proxecto de arte contemporánea con obras realizadas ex profeso para ese espazo

En 2001 a Universidade de Santiago puxo en marcha un orixinal proxecto cultural no que novos e novas artistas expoñían no coro da Igrexa Universitaria unha serie de instalacións realizadas ex profeso para ese espazo. Por alí pasaron nomes descoñecidos que hoxe xa se fixeron un oco no panorama artístico actual. Unha década máis tarde –Procesalia desenvolveuse ata 2003–, a Universidade compostelá fai unha relectura deses artistas e das súas obras de maneira que o resultado é unha mostra de arte contemporánea conformada por pezas realizadas para o peculiar espazo que é, nesta ocasión, a totalidade da Igrexa da Universidade. A exposición consegue así pór en valor o patrimonio histórico deste marco arquitectónico, non só convivindo con el senón tamén recreándoo, subliñando a súa presenza e actuando sobre el. 19 artistas en Procesalia 2013 Nesta nova edición reúnense Ana de Matos, Antón Caamaño, Carlos Sena Caires e Jorge Cardoso (VOID), Rosa Sánchez e Alain Bahuman (Kónic), Kai Takeda, Isaac Cordal, Paula Mariño, Xoan Anleo, Xoán Brión, Eduardo Valiña, Manuel de la Rosa, Carme Nogueira, Monse Rego, Carme Nogueira e Rubén Santiago. Ademais, convídanse dous novos artistas: Marta Prieto e Nilo Arias. Son 19 creadores do ámbito galego, estatal e internacional de recoñecido prestixio que crearon obras feitas e inspiradas no espazo da Igrexa, adaptando os seus discursos persoais e liñas de investigación plástica a este proxecto. Video-creacións, creacións multimedia de arte interactiva, fotografía, performances documentadas en vídeo, escultura en proceso e pezas de son conviven con debuxos e instalacións varias. Ademais, das obras extráense moitas das preocupacións que atinxen á sociedade actual como a persistente violencia contra a muller, a arte como forma de resistencia poética e política, a relación coas persoas excluídas ou a que existe mediatizada polos novos sistemas de comunicación na era dixital. Procesalia 2013, que se inaugura este xoves ás 20:15, está producida pola USC e comisariada por Monse Cea, coa colaboración dos museos MARCO e Verbum de Vigo. Parmanecerá aberta ata o 15 de xaneiro de luns a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas. A mostra permaneecrá ata mediados de xaneiro (Foto: Santi Alvite)

The contents of this page were updated on 11.28.2013.