Skip to main content

Integrantes do Club de Debate Compostela gañan un torneo internacional

Integrantes do Club de Debate Compostela gañan un torneo internacional
Integrantes do Club de Debate Compostela gañan un torneo internacional
O Torneo Internacional de Debates Escritos organízao a Asociación Internacional de Educación en Debate de México–América Latina

Os membros do Club de Debate de Compostela (CDC) Carla Castro, Alberto Escobar e Adrián Ordoñez son os gañadores do Torneo Internacional de Debates Escritos (TIDE) que en catro semanas, dende o 28 de outubro ata o 24 de novembro, tratou diferentes temas de actualidade coa participación de dez equipos de diferentes países, na súa maioría de América Latina. No seu primeiro debate enfrontaron as súas ideas co equipo Sapere Aude, de Chile. A súa argumentación xiraba en torno á defensa de que a prostitución debe ser legalizada. Na segunda quenda a súa posición era contraria a que os inmigrantes, así como os seus fillos en situación ilegal, poidan beneficiarse dos servizos públicos, unha postura que tiveron que defender fronte á Sociedade de Debate da Universidade colombiana do Rosario. Xa na terceira semana defenderon contra a Universidade de Antioquía (Medellín, Colombia) a necesidade de garantir o aceso aos tratamentos de reprodución asistida. Tras gañar todos eses debates enfrontáronse na final contra un equipo de Perú pertencente á Sociedade de Debate PUCP. A súa liña argumental defendía unha postura en contra a garantir o aceso a tratamentos e operacións de cambio de sexo. Os tres estudantes da Universidade de Santiago debatían de luns a venres, mentres que as deliberacións dos xuíces levábanse a cabo durante a fin de semana. Esta vitoria do internacional TIDE pode non ser a única ata que finalice o ano para os compoñentes de CDC. Aínda poden gañar a Liga Interna da Asociación, premio que lles servirá de garante para ir a outros torneos de índole nacional. A final da Liga Interna celebrarase o próximo sábado 30 de novembro na Facultade de Matemáticas da USC.

The contents of this page were updated on 11.27.2013.