Skip to main content

O Simposio anual do Instituto da Lingua Galega porá a atención na fronteira galego-portuguesa

‘Lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa’ é o tema que abordará unha nova edición do simposio anual do Instituto da Lingua Galega (ILG) e que dedica a un tema específico escollido polo seu interese para a comunidade científica ou para a formación dos/as titulados/as universitarios/as. A intención é propiciar a reflexión sobre o estado da cuestión, impulsar avances na súa investigación, difundir o novo coñecemento xerado e contribuír á renovación en métodos e resultados. Desta volta, sobre o espazo que conforma a fronteira galego-portuguesa, os promotores do encontro apostan por achegarse a este tema como “un espazo de convivencia e intercambio, así como de creación dun tipo de cultura propias desas áreas fronteirizas”. Ademais da colaboración do Consello da Cultura Galega, o simposio do ILG conta este ano coa participación do Instituto de Estudos de Literatura Tradicional da Universidade Nova de Lisboa. Diríxese preferentemente a profesorado e alumnado universitario de distintas áreas do saber, a docentes de ensino primario e secundario, de escolas oficiais de idiomas e de formación profesional, docentes das áreas da lingüística, historia, xeografía, antropoloxía e etnografía; e tamén, na mesma liña de formación continua, a profesionais de distintos sectores. Está aberto ao público xeral, a todas as persoas que desexen ampliar ou actualizar os seus coñecementos na materia. É posible atopar máis información sobre as Xornadas, homologadas por parte da Consellaría de Educación con 18 horas lectivas, e o Simposio na páxina web http://ilg.usc.es/gl/actividades/simposio-ilg-2013.

The contents of this page were updated on 11.18.2013.