A EPS de Enxeñaría achega ferramentas acaídas para optimizar a xestión sustentable de cultivos leñosos de curta rotación

A tese de doutoramento que vén de presentar a enxeñeira de Montes e investigadora do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria Nerea de Oliveira Rodríguez na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo da USC baixo o título ‘Biometría de cultivos leñosos de curta rotación en condicións mediterráneas’ achega novas ferramentas acaídas para a mellora da xestión sustentable deste tipo de plantacións e avanza cara a creación dun mercado de biomasa máis estable.
A investigación de doutoramento desenvolvida por esta colaboradora do grupo de investigación Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sustentable (UXFS) da USC baixo a dirección de César Pérez Cruzado, Hortensia Sixto e Roque Rodríguez Soalleiro, achega numerosas ferramentas cuantitativas para a xestión sustentable destes cultivos, considerando diferentes clons de especies e híbridos de chopo así como da especie Robinia pseudoacacia.
O desenvolvemento dunha bioeconomía circular baseada no uso sustentable de recursos biolóxicos parece ser unha das mellores vías para tratar de dar resposta aos desafíos do cambio climático. O emprego da biomasa como un recurso natural renovable e fonte de materia prima para obtención de bioprodutos ou bioenerxía resulta susceptible de xestionar a través de cultivos de curta rotación, que poden ser especialmente necesarios en áreas de pouca dispoñibilidade de biomasa.
A temática desta investigación de doutoramento céntrase na avaliación da biometría destes cultivos a diferentes escalas, desde árbores individuais á plantación, tratando diferentes sistemas de xestión e numerosos materiais xenéticos. O traballo baséase nunha rede de parcelas dispoñible en toda España.
A autora desta tese, que se encadra no proxecto RTA ‘Biomasa para a bioeconomía, Producindo, Cuantificando e Valorando Cultivos Forestais’, no que colaboran o grupo UXFS da USC e o CIFOR-INIA en Madrid, achega no seu estudo estimacións de biomasa de raíces cuxo carbono quedará incorporado no chan, avaliacións de deseños mixtos de álamo branco e especies leguminosas fixadoras de nitróxeno, diagramas de xestión da densidade dos cultivos, modelos de estimación de biomasa dependentes do clon e melloras na metodoloxía de toma de mostras e intensidade recomendable de mostraxe para producir estimacións precisas da biomasa producida.
A temática abordada nesta investigación encádrase tamén nas áreas sobre as que traballa a agrupación estratéxica de investigación BioReDes do Campus Terra da USC, ao tempo que pon de relevo o impacto social e económico derivado das plantacións forestais. De feito, os cultivos forestais en curta rotación teñen un marcado impacto social e fomentan o emprego en zonas rurais. Os diferentes servizos ecosistémicos asociados a este tipo de plantacións contribúen á mellora ambiental pero tamén poden chegar a xerar un valor económico asociado.
Nerea de Oliveira Rodríguez achega neste senso novos recursos de fácil aplicación e que facilitan a toma de decisións por parte dos xestores das plantacións en aras a mellorar a súa viabilidade económica, co que, en definitiva, se contribúe á progresiva creación dun mercado de biomasa máis estable. Alén desta investigación e unha vez rematada a súa tese, a nova doutora continuará a traballar dentro desta liña cun contrato postdoutoral no CIFOR-INIA e en colaboración co grupo UXFS da USC no proxecto RTA ‘Optimización e modelización da produción sustentable de biomasa lignocelulosica para a obtención de bioprodutos baixo escenarios de cambio climático (LIGBIO)’.