Skip to main content

O empresario Gerard López, propietario do equipo de Fórmula 1 Lotus, imparte este mércores unha conferencia na USC

O empresario Gerard López, propietario do equipo de Fórmula 1 Lotus, imparte este mércores unha conferencia na USC
O empresario Gerard López, propietario do equipo de Fórmula 1 Lotus, imparte este mércores unha conferencia na USC
Falará sobre emprendemento e iniciativa empresarial

Gerard López, o empresario de orixe galega propietario do equipo de Fórmula 1 Lotus, visitará este mércores 23 a USC para ofrecer unha conferencia sobre emprendemento e iniciativa empresarial. Presidente e socio fundador da firma Genii Capital -unha compañía dedicada ao investimento con sede en Luxemburgo-, López é tamén socio director de Mangrove Capital Partners, empresa de capital risco especializada en tecnoloxía. López visitará o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información de Campus Vida (CITIUS), onde impartirá a conferencia a partir das 19.00 horas no Salón de Actos deste centro a conferencia titulada ‘De Skype ao ceo’ A traxectoria profesional de Gerard López está marcada por un dos seus grandes éxitos como investidor, Skype. O popular sistema de comunicacións para o intercambio de chamadas e videochamadas a través da Internet foi apadriñado nos seus comezos por Mangrove Capital Partners, un dos primeiros investidores en apostar por esta idea de negocio, que se convertería máis tarde -coa súa venda en máis de 3 billóns de dólares- no que ata o de agora foi o investimento máis rendible da compañía. Como explicará na súa conferencia, os beneficios obtidos coa venda de Skype servirán de argumento para trasladar á audiencia a necesidade de asumir certos riscos na xestión do capital privado á hora de investir en novas empresas, especialmente cando se trata de apostar por aquelas relacionadas co sector das novas tecnoloxías; as cales, a pesar de contar cun alto valor engadido, decotío atopan dificultades á hora de acceder ao financiamento. Esta foi a filosofía de Mangrove Capital Partners dende a súa fundación en 1998, ano a partir do cal ten descuberto e promovido máis de 40 compañías tecnolóxicas, das que se converteu en investidor principal. Gerard López licenciouse en Sistemas de Xestión da Información e Xestión Operacional pola Universidade de Miami, onde é membro activo do Comité Asesor da súa Escola de Negocios. Asemade, fundou a entidade sen ánimo de lucro Act Mangrove Charity, que promove a educación en países en vías de desenvolvemento. Ao longo dos últimos anos ten desenvolvido numerosas ideas de negocio, entre elas, unha compañía pioneira en desenvolvemento web (Icon Solutions) e a empresa de renting ProLease, ambas as dúas vendidas exitosamente aos 18 meses da súa posta en marcha.

The contents of this page were updated on 10.22.2013.