Skip to main content

As universidades do suroeste europeo concorrerán conxuntamente con grupos de investigación de alto nivel a programas competitivos de I+D+i

A Universidade de Santiago participou en Salamanca na reunión da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE)

Os gobernos de Galicia, Castela e León e Norte de Portugal recoñeceron este mércores a Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE) como Grupo de Traballo de I+D durante a reunión conxunta celebrada na Universidade de Salamanca. Os reitores cifran en 40 millóns de euros a facturación dos contratos en investigación con empresas establecidos polas 18 universidades e institutos politécnicos das tres rexións nos dous últimos anos e sitúan entre o 3,6 e o 3,8% o Valor Engadido Bruto anual interrexional de cada investigador. Este apoio oficial dos executivos autonómicos permitirá ás universidades crear grupos de investigación de alto nivel para concorrer aos programas de financiamento competitivo de I+D+i enmarcados no Programa da Comisión Europea ‘Horizon 2020’, que será efectivo en 2015. Previa a esa reunión entre as universidades e os gobernos autonómicos tivo lugar o III Plenario da CRUSOE, no que estableceron o compromiso de definir antes de final de ano os consorcios de persoal investigador que aborde proxectos concretos baseados en sectores económicos estratéxicos existentes en cada unha das rexións. Dado que o aspecto innovador da especialización intelixente será una condición sine qua non para acceder ao financiamento estrutural, débense establecer as estratexias de innovación nacionais e rexionais antes de que se aproben os programas operativos que apoian eses investimentos, explicaron. CRUSOE ten xa definidas as liñas de innovación en torno a seis programas: Saúde; Sector primario; Auga, mar e continente; Lingua e patrimonio; Enerxía sustentable; e Cooperación interrexional e desenvolvemento. Membros de CRUSOE

A Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo, constituída en decembro de 2011, está integrada polas tres universidades galegas e as de Burgos, León, Salamanca, Valladolid, Católica de Ávila, Europea Miguel de Cervantes, Pontificia de Salamanca, IE University, do Minho, do Porto, de Trás-os-Montes e Alto Douro, Instituto Politécnico do Porto, Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Instituto Politécnico de Bragança e Instituto Politécnico do Cávado e do Ave.

The contents of this page were updated on 09.26.2013.