Skip to main content

A Memoria de Responsabilidade Social da USC de 2012 destaca que o futuro pasa pola Universidade

Pedro García Herradón, Juan Casares, Manuel Puga e Benita Silva, na presentación da Memoria de Responsabilidade Social da USC do 2012
Pedro García Herradón, Juan Casares, Manuel Puga e Benita Silva, na presentación da Memoria de Responsabilidade Social da USC do 2012
Casares di que a “a USC cumpre, incluso cando os recursos son menos dos necesarios” e advirte da necesidade de fortalecer lazos entre universidade coa sociedade

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares, e a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, presentaron este mércores na Casa do Saber de Lugo a Memoria de Responsabilidade Social da USC relativa ao ano 2012 e que se desenvolve baixo o lema ‘O futuro pasa pola Universidade’. Este documento que dá continuidade á serie iniciada no 2003 e que ratifica o compromiso co desenvolvemento de políticas de responsabilidade social e transparencia por parte da institución académica, unha universidade pioneira e de referencia nesta materia no contexto nacional.

A presentación desta nova entrega da Memoria de Responsabilidade Social da USC, un acto que por vez primeira se celebra en Lugo e no que tamén participaron o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, así como o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira, serviu asemade para dar a coñecer a posta en marcha do espazo web ‘USC Responsable’. Esta nova aplicación específica sobre a responsabilidade social, accesible desde a páxina web da USC abre novas canles de implicación e participación á comunidade universitaria, en particular, e á sociedade, en xeral, en aras a mellorar e avanzar no modelo de rendición de contas da USC, así como para darlle máis visibilidade á actividade e ao cometido da institución académica como axente de desenvolvemento económico e social e tamén como entidade xestora de recursos. O espazo web ‘USC Responsable’ achega á cidadanía un amplo compendio de datos e documentos relativos á propia actividade desenvolvida no seo da Universidade de Santiago, que fai así “un exercicio de máxima transparencia”, segundo Benita Silva. O reitor Juan Casares salientou que a publicación da sétima memoria de responsabilidade social e do novo espazo web USC Responsable non é soamente un exercicio de rendición de contas á sociedade, senón tamén unha chamada de atención sobre a necesidade de fortalecer os lazos que unen á Universidade coa sociedade, ademais de para construír novas pontes na procura de solucións aos problemas que afrontamos nestes tempos difíciles. Casares dixo que a presentación deste documento en Lugo responde en parte á sensible contribución da Universidade ao desenvolvemento económico, social e cultural da cidade de Lugo e da súa contorna. Esta mesma orientación social é a que ten motivado o proxecto de Campus Terra que actualmente se está a definir na USC para o campus lucense e que se presenta como unha oportunidade para impulsar a captación, retención e desenvolvemento do talento nesta sede da Universidade de Santiago, explicou o reitor. Casares dixo que a bagaxe que presenta a Memoria de Responsabilidade Social da USC referida ao ano 2012 proba que “a USC cumpre, incluso en épocas nas que os recursos dispoñibles son menos dos necesarios e menos dos suficientes” A Memoria de Responsabilidade Social de 2012 incorpora distintas novidades respecto doutros documentos anteriores, cambios que procuran mellorar a efectividade da comunicación da USC nesta materia, a fin de acadar un mellor entendemento social e tamén unha maior colaboración, segundo dixo a vicerreitora Benita Silva, que salientou que este documento foi elaborado de forma íntegra por persoal da propia Universidade de Santiago. A elaboración e publicación deste tipo de memorias de responsabilidade social “supón a mellor evidencia do compromiso da Universidade de Santiago de Compostela coa rendición de contas e co desenvolvemento sostible”, sinalou o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira. Estrutura do documento e contidos A memoria relativa ao ano 2012 constitúe un documento máis conciso, que recolle só os elementos máis importantes do período de referencia e prescinde doutra información máis xeral. Trátase dunha ferramenta que pretende ser de utilidade para que a sociedade poida analizar e avaliar o cumprimento dos compromisos e dos obxectivos estratéxicos da Universidade de Santiago de Compostela. A nova estrutura da memoria, que agora adquire unha periodicidade anual, incorpora un capítulo introdutorio no que se aclara a integración da responsabilidade social na estratexia da USC, sete capítulos nos que se repasan os feitos e actuacións do 2012 relacionados cos sete ámbitos da responsabilidade social da USC: Bo goberno e transparencia, xestión do capital humano, ecoloxía interna, xestión social do coñecemento, extensión e voluntariado, relacións coas organizacións e desenvolvemento sostible. O documento inclúe un noveno apartado que pon de manifesto os logrados acadados nestes sete eidos e un capítulo derradeiro que aborda as perspectivas da USC para un futuro inmediato. As dificultades da conxuntura actual advertidas polo reitor na presentación da Memoria de Responsabilidade Social da USC de 2012 fanse se cabe máis visibles nas estatísticas relativas á estabilización e renovación do cadro de persoal da USC. De feito, no 2012 o persoal docente e investigador institución académica compostelá estaba integrado por 2.123 persoas, unha cifra que ascendía a 2.300 no 2010. O persoal de administración e servizos pasou de 1.283 no 2010 a 1.230 na actualidade, unha evolución descendente que tamén se aprecia no número de contratados/as con cargo a programas de Recursos Humanos e de I+D, que pasou de 523 a 406 no trienio 2010-2012. No capítulo da docencia, no período ao que se refire o documento a USC levou a cabo unha racionalización da oferta de programas de doutoramento co obxecto de presentar unha programación máis competitiva e atractiva, baseada en alianzas estratéxicas, coherencia entre liñas de investigación e proxección internacional. A mellora do proceso ensino aprendizaxe tamén experimentou unha notable mellora en 2012, ano no que todos os centros docentes da USC contaban co certificado de verificación dos seus respectivos sistemas de garantía interna de calidade. O compromiso polo desenvolvemento sostible na USC tamén experimentou un pulo no 2012 coa posta en marcha do programa USC en Transición, encamiñado á redución da pegada ecolóxica da USC, e co proxecto de hortos urbanos, unha iniciativa orientada a promover a creación de grupos de persoas que se comprometan a xestionar algún dos hortos existentes ou a crear o seu propio. Campus de Lugo A vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade da USC sinalou na presentación da Memoria Social da USC de 2012 algúns dos logros acadados na sede universitaria luguesa. Benita Silva lembrou así a elaboración da proposta estratéxica do Campus Terra para reforzar a identidade singular, a visibilidade e a capacidade de xeración e transmisión de coñecemento desde esta sede universitaria. O aumento en máis dun 61% do alumando matriculado nos distintos graos impartidos en Lugo, sobre todo grazas á posta en marcha dos cursos ponte na Escola Politécnica Superior e na Facultade de Ciencias foi outro dos datos salientados pola vicerreitora, quen tamén precisou que o 24% dos/as bolseiros/as e o 16% dos/as contratados/as no 2012 pola USC con cargo a actividades de I+D desenvolveron a súa actividade no campus de Lugo. Outros dos datos directamente relacionados coa sede universitaria luguesa salientados pola vicerreitora Benita Silva son os que atinxen á internacionalización que supuxo para o campus de lugo a recepción de 95 estudantes brasileiros ao comezo do curso 2012-13 ou o comezo das obras do novo edificio que acubillará a Aula de Produtos Lácteos.

Ligazóns relacionados:

The contents of this page were updated on 10.02.2013.