Skip to main content

A Politécnica acolle este venres a inauguración da quinta edición do Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural

O catedrático da USC Antonio Rigueiro disertará sobre bosques e madeira e o arquitecto Enrique Neure falará sobre pasado e presente da madeira na xornada de apertura

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, inaugurará este venres, a partir das 18.30 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, a quinta edición do Máter en Enxeñaría da Madeira Estrutural. O director deste posgrao propio da USC, o catedrático Manuel Guaita; o director da EPS, Javier Bueno, e o presidente de Confemadera Galicia, Elier Ojea, tamén participarán na sesión inaugural.

O V Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, un posgrao propio da Universidade de Santiago de Compostela desenvolvido pola Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) en colaboración coa Confederación de Empresarios da Madeira de Galicia, Confemadera Galicia, que presta o apoio económico para a viabilidade do máster, está estruturado en 500 horas de duración e é de carácter semipresencial. Este posgrao vai dirixido a profesionais do sector da madeira (arquitectos, enxeñeiros, arquitectos técnicos, enxeñeiros técnicos...), aos que pretende formar como titulados especialistas nos aspectos do cálculo e deseño de estruturas de madeira para a edificación, tanto arquitectónica como rural, así como para proxectos de obra civil. A temática deste máster inclúe materias moi diversas, que abranguen desde o coñecemento da madeira como material de construción, o cálculo estrutural segundo o Código Técnico da Edificación, o deseño de estruturas o CAD aplicado á madeira, ademais da realización práctica de software de cálculo de proxectos de edificación e de pontes de madeira. O programa da quinta edición deste máster, no que xa formalizaron a súa inscrición 23 persoas, inclúe clases teóricas e sesións prácticas na aula de informática, visitas a obras, fábricas e centros tecnolóxicos, ademais da realización de exames, traballos e un proxecto de fin de curso. O cadro docente do Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural está formado por un total de 60 persoas, entre profesores de distintas universidades e traballadores de empresas do sector. Relatorio de apertura O catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC, Antonio Rigueiro, ofrecerá este venres, a partir das 16.00 horas, o relatorio de apertura deste posgrao propio da USC, unha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘Bosques e produción de madeira en Galicia’. Asemade, logo do acto de inauguración oficial do máster, o arquitecto carpinteiro Enrique Nuere Mataúco, que está considerado como un dos maiores expertos a nivel nacional na construción con madeira, ofrecerá un relatorio sobre o pasado e o presente da madeira.

The contents of this page were updated on 09.12.2013.