Skip to main content

Profesores de México e Guatemala abordan na Politécnica vías de cooperación científica entre a USC e as súas universidades

O vicerreitor de Proxección Exterior do Colexio de Posgraduados de México, Alberto Enrique Becerril, e o coordinador do programa de doutoramento en Agricultura e Medio Ambiente da Universidade San Carlos de Guatemala, Marvin Salguero, abordarán este martes, a partir das 12.00 horas, na sala de xuntas da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, as oportunidades de cooperación no eido investigador entre a Universidade de Santiago e os seus centros de procedencia.

Esta sesión informativa, que xurde ao abeiro dun proxecto da Axencia Europea de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) que abre a porta á formación de doutoramento de persoal docente das universidades dalgúns países de América Latina e tamén doutros centros de investigación, servirá tamén para explicar algunhas das claves do programa internacional de doutoramento en Agricultura e Medio Ambiente que oferta por vez primeira este curso a Universidade de Santiago e que xa se puxo en marcha o pasado ano na universidade guatemalteca. Este programa de doutoramento, ao que proximamente se incorporará o Colexio de Posgraduados de México, segundo adiantou o profesor da USC Agustín Merino, permitirá explorar nun futuro outros lazos de colaboración entre as institucións participantes no eido da investigación. Esta estratexia de cooperación abre tamén a posibilidade de que a Universidade de Santiago de Compostela poida acceder a proxectos de cooperación ao desenvolvemento, no que atinxe a captación de fondos e de persoal, segundo apuntou Merino.

The contents of this page were updated on 09.09.2013.