Skip to main content

A USC baralla ampliar a superfice de hortos ecolóxicos no campus de Lugo para poder atender a demanda

Hortas ecolóxicas habilitadas na valgada do campus de Lugo
Hortas ecolóxicas habilitadas na valgada do campus de Lugo
Uns 30 usuarios, entre os que se atopan estudantes, docentes, investigadores e PAS, cultivan desde maio as 15 parcelas hortícolas habilitadas na valgada do campus

A Universidade de Santiago baralla ampliar a superficie xa habilitada para o cultivo de hortos ecolóxicos na valgada do campus de Lugo para poder atender así a elevada demanda de persoas interesadas en participar nunha iniciativa que ten moi boa acollida na comunidade universitaria, tanto entre o colectivo de estudantes como entre os docentes, investigadores e persoal de administración e servizos.

As quince parcelas para usos hortícolas que desde o pasado mes de maio están a ser cultivadas por máis de 30 usuarios non abondan para cubrir a demanda de persoas que amosaron interese por dispor dunha horta no campus, segundo subliñou a directora do Ibader, a profesora Elvira López Mosquera. A directora do Ibader, que, xunto con outros profesores da Escola Politécnica Superior, canalizou desde un primeiro momento a proposta de hortos ecolóxicos presentada polas asociacións estudantís Ademva e Enxeñeiros Sen Fronteiras, atribúe parte do éxito dos hortos ecolóxicos do campus á colaboración e ao apoio recibido da USC, tanto desde a Vicerreitoría de Coordinación e da Vicexerencia do campus de Lugo como por parte da Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC e incluso do Grupo de Desenvolvemento Rural de Lugo. A preparación da terra para o seu cultivo, o peche do recinto hortícola, e a posterior distribución das parcelas, cunha dimensión aproximada de 12 metros cadrados cada unha, centrou boa parte dos traballos na primeira fase deste proxecto de hortos ecolóxicos. Estas tarefas preparatorias completáronse coa instalación dun sistema de rego individualizado para cada parcela, engadiu López Mosquera. Pasados xa catro meses da posta en marcha desta iniciativa hortícola e visto o seu éxito, a directora do Ibader baralla a oportunidade de solicitar á Deputación de Lugo, que é propietaria dos terreos, solicitar a cesión de máis terreos para poder ampliar o número de hortos e cubrir a demanda existente. Cultivos autóctonos A maioría dos produtos cultivados nos hortos ecolóxicos habilitados na valgada do campus son de variedades hortícolas autóctonas, segundo subliñou a profesora Elvira López Mosquera. A directora do Ibader indicou que parte das sementes e das variedades das plantas empregadas proceden da propia Universidade de Santiago, aínda que recoñece que “tamén se compraron algunhas plantas”. Respecto das variedades hortícolas existentes nos hortos da valgada do campus, López Mosquera falta dunha produción moi diversa. De feito, na maioría dos hortos hai tomates (distintas variedades) coles de Bruxelas, xudías, repolo, cebola, pementos... O proceso de maduración dalgúns dos produtos vai con retraso, xa que se plantaron moi tarde, dixo López Mosquera, quen tamén precisou que “algúns dos usuarios xa recolleron a primeira colleita das súas respectivas plantacións”. A produción dos hortos ecolóxicos do campus é para autoconsumo fundamentalmente, sinalou a directora do Ibader, que diferenciou así o uso que se lle dá a estes produtos coas colleitas hortícolas rexistradas na finca de prácticas da Escola Politécnica Superior e cuxos produtos van para ao Banco de Alimentos.

The contents of this page were updated on 09.02.2013.