Skip to main content

Novas propostas do Espazo de Fotografía, que abre a matrícula o 10 de setembro

Foto de Fuco Reyes
Foto de Fuco Reyes

O Espazo de Fotografía do Campus de Compostela propón para este novo ano académico un amplo programa de cursos e obradoiros, para os que o día 10 se abre o prazo de inscrición. A fotografía dixital, tanto iniciación como un nivel máis avanzado, protagonizará os cursos que se imparten en horario de mañá nos meses de marzo a maio. Eses mesmos, con outro de carácter avanzado, ofrécense tamén polas tardes con comezo neste mes de setembro, outubro ou decembro. Xunto a eses, e tamén polas tardes, en xaneiro comeza un obradoiro de composición e creatividade fotográfica; en febreiro un de creación dun proxecto de fotografía persoal dende a súa formulación ata a edición final; outro de procesado dixital, con especial atención a Photoshop, que se iniciará en marzo; un de fotografía nocturna en abril; e, en maio, un obradoiro sobre técnicas de fotografía de rúa. A oferta péchase cun curso gratuíto en outubro sobre a historia da fotografía, na que se aprenderán os cambios tecnolóxicos, movementos artísticos e autores e autoras O estudantado de grao da USC que realice varios destes cursos cumprindo debidamente coa asistencia poderán recibir 1 crédito por cada 25 horas. Para máis información, pódese acudir á Área de Cultura (Colexio de San Xerome. Praza do Obradoiro s/n) ou nos teléfonos 881811018 e 881811103.

The contents of this page were updated on 09.04.2013.