Skip to main content

A USC convoca bolsas de mobilidade para diversas universidades europeas ao abeiro do Programa de Aprendizaxe Permanente Erasmus

A USC convoca para o segundo semestre deste curso bolsas de mobilidade para diversas universidades europeas ao abeiro do Programa de Aprendizaxe Permanente (PAP) Erasmus. Esta é unha convocatoria piloto dirixida única e exclusivamente ao estudantado matriculado nalgúns dos másteres que figuran no seguinte enlace. A finalidade destas bolsas é ofrecer ao alumnado da USC a posibilidade de realizar parte do programa de estudos do máster nalgunha das universidades participantes no PAP coas que a USC teña subscrito o debido convenio. Os estudos cursados fóra serán plenamente recoñecidos pola USC e pasarán a formar parte do expediente académico do estudantado nesta institución. Cada estudante deberá concertar coas universidades que interveñan na súa mobilidade un acordo de estudos antes do período de intercambio. As universidades de destino outorgarán matrícula gratuíta ao estudante seleccionado pola USC, o que non exclúe doutras taxas reducidas para cubrir os gastos do seguro, afiliación a sindicatos de estudantes ou uso de materiais diversos. A concesión dunha mobilidade Erasmus implica tamén a concesión da axuda económica asociada a este tipo de mobilidade, sen prexuízo de que o estudantado seleccionado/a poida renunciar á axuda. A contía vai parella ao período de mobilidade dado que se trata dunha cantidade fixa por meses de desprazamento. Só se aceptarán as solicitudes realizadas no impreso normalizado, que se deberán presentar como máis tardar o 30 de setembro acompañadas da documentación adicional requirida no Rexistro Xeral da USC dirixidas ao Servizo de Relacións Exteriores. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao Portal Internacional da USC.

The contents of this page were updated on 09.11.2013.